Opinión

A Otan, España, O Sahel...

OS EFLUVIOS do cumio dos países pertencentes ao Tratado do Atlántico Norte, Otan, inundaron Madrid deixando unha imaxe dos xefes de estado interesados pola cultura, ceando na nosa grande pinacoteca; o Museo do Prado. Os convidados extasiáronse durante uns minutos con Goya, Velázquez, Rubens e demais xenios. Foron uns minutos de gloria como para desculparse da ferida que o incremento do orzamento en gasto militar, un 2 por cento que porá a España nos 20.000 millóns, infrinxirá as partidas do Ministerio de Cultura. Ou se non, atentos.

Cifran en 50 millóns de euros o investimento realizado polo goberno do estado nesta posta en escena que sitúa a Rusia e a China como inimigos perigosos ós que se debe controlar amosándolles potencia militar. Estados Unidos non pode vivir sen conflitos bélicos en calquera parte do mundo, a súa industria resentiríase e a súa influencia caería. A presencia norteamericana en Europa por medio da creación da Otan permítelle actuar como vixía eficaz dos seus intereses e colocar a este continente no ollo do volcán. Jean Stoltenberg, no pasado un pacifista acreditado, converteuse á doutrina ianki e predica as bondades de pertenza a ese club como garante da paz, da democracia e do modelo de vida occidental, o mesmo que eses cregos calvinistas orixinario do seu país, Noruega. Para alí volverá cando remate o seu paso como secretario xeral desta organización para presidir o banco central noruegués. Aqueles comentarios de Macron e do mesmo Trump sobre organización que dirixe indicando que «estaba en morte cerebral» situaba a Stoltenberg como a un probo funcionario, un xefe de servicio aplicado e ben pagado que se viu, de súpeto, relanzado cando a invasión de Ucraína. O 30 de setembro deixará o cargo e os países membros coa aquiescencia de USA elixiran outro, cun perfil que marque a proximidade coa fronteira rusa.

Pedro Sánchez, aproveita para amosar a súa satisfacción por que USA amarrará dúas fragatas máis na base naval de Rota, incrementando postos de traballo, seguro, e deixando a España á mesma altura que a deixou Franco, segundo el e El País, xornal matutino da mañá, con esta medida asegurarase a defensa de Ceuta e Melilla, non din de quen, aínda que xa o supoñemos e esquécense de comentar que é unha maneira de dicirlle a China e Rusia que a súa influencia no Sahel xa a están vixiando de preto. Este paso do goberno da Nación colócanos nunha postura de campións da civilización occidental que diría Zapatero e máis dependentes deste bloque. Neste caso as líderes de Unidas Podemos marcharon a USA a protestar pola sentencia do Tribunal Supremo sobre o aborto, evitando así os atascos do tráfico mentres duraba o cumio e mandándolle a mensaxe a Sánchez que non contaran con eles para ese aumento do 2 por cento xa citado. Non hai medo. Feijóo estará detrás. El non ten complexos en definirse como atlantista. Ten casa na península do Morrazo con magníficas vistas a ría.

Comentarios