Opinión

Prever antes de que acontezan os incendios

Xa falta pouco para o sanmartiño. Os labregos e pescadores miran abraiados cara o ceo e non entenden o que está a pasar co tempo. Os termómetros suben cando deberían baixar e a auga do mar acada temperaturas nada normais nestas datas. Algúns lémbranse do primo de Rajoy que negaba o cambio climático poñendo en dúbida o que din tantos científicos, sobre todo aqueles ligados ao IPCC, acrónimo de grupo inter gobernamental de expertos sobre o cambio climático. Órgano das Nacións Unidas encargado de avaliar coñecementos científicos relativos a emerxencia climática. Conta con 195 estados membros e Galicia ten ao catedrático da UVigo, Xabier Labandeira, como un dos expertos salientables da organización. O IPCC baséase en tres grupos de traballo. Para máis información pódese consultar: www.ipcc.ch.

A realidade é que o familiar de Rajoy foi un avanzado de Jair Messias Bolsonaro, militar convertido en deputado que non aprobou nin unha lei durante a súa estancia durante 27 anos no parlamento brasileiro, pero que durante o seu mandato como presidente da república desprezou os movementos medio ambientalistas, expulsou a comunidades indíxenas do seu territorio e proclamou que a foresta da selva amazónica non era o pulmón do mundo. Neste tempo a desaparición de xornalistas por denunciar a catástrofe da queima de montes era práctica habitual, encontráronse outros asasinados xunto habitantes da selva a mans de contratistas por informar a poboación e a organismos internacionais dos danos ocasionados pola avaricia de grandes grupos de presión, amigos do militar reconvertido a evanxelista nun bautizo público.

A queima do montes en Galicia este verán foi un asasinato a man tenta como o foi en Castela León, Navarra, Andalucía ou Portugal. Persoas obrigadas a fuxir dos seus fogares cercados polo lume lembraban tempos tan negros como a cinza do territorio, con animais queimados, tanto salvaxes como domésticos e ós que non matou as algaradas, morreran de fame, unha vexetación que tardará en recuperarse e un equilibrio natural esnaquizado que nos traerán enfermidades e pobreza. Alimentaba Feijóo a tese dunha trama de incendiarios que nunca probou cando gobernaba, pero cando exercía oposición opinaba o contrario, acusaba da falta de medios dos servizos de prevención. A falta de previsión e a tecnoloxía necesaria deixou ós corpos de extensión de incendios en posicións moi vulnerábeis, tanto na protección das persoas como dos bens a protexer. Alfonso Rueda, debería ter entre as súas prioridades revisar a política forestal, atender o que lle din os especialistas, os investigadores universitarios, os brigadistas, as mancomunidades de montes, a súa propia intuición de gobernante experimentado e poñer mans a obra para que non se repita o drama e se recupere decontado o equilibrio natural perdido. Gañar ou perder eleccións non consiste sómente en adormecer a poboación coa propaganda. Todo contrario, consiste en xestionar os recursos con tino e adiantarse os acontecementos, prever antes de que acontezan. Máis a experiencia indica que pode chegar outro verán nefasto para os intereses de Galicia.

Comentarios