Opinión

Rajoy, Crespo, Pío, Romay, Feijóo todo pode pasar

Non pasa moitas veces na vida, pero cando acontece non queda outra que botarlle peito e mirar cara diante. Ou non. Adóptese o inmobilismo e que o tempo corra. Pensan que é a mellor medicina contra a precipitación. "En tempos de desolación non facer mudanza", dicía o primeiro xesuíta e con iso había quen entendía que a quietude amansa as augas e regresan de xeito natural ao seu canle. Se isto fose así non existiría medo a toma de decisións e deixaríamos ó tempo actuar como remedio natural. 

Fálase que Mariano Rajoy, este ilustre pontevedrés e probo cidadán, a quen desexo que a corporación local do seu concello lle repoña os méritos que lle sacou ostentosamente, é un mestre en aparcar as tomas de decisión que supoñan unha certa incomodidade. A esa falta de flow seus asesores denominaban "maduración"; sen embargo outros preferían a expresión "hibernación". Si as cousas se solucionaban, a corte de aduladores falaba de sabedoría: no caso contrario o actual rexistrador da propiedade recibía o adxectivo de diletante. 

En política, ao igual que noutras actividades da vida, administrar os tempos, ademais dunha habilidade amosa unha maneira determinada de entender a nosa relación cos demais. O ministro Pío Cabanillas Gallas, home segundo din, de intelixencia desenvolvida e ilustre opositor con números un as súas costas, practicaba as cadencias temporais, sospeitosamente, como MR e como Manuel Crespo Alfaya, outro destacado pontevedrés. Pío e Crespo, adoptárono como discípulo e as súas ensinanzas levaron a Rajoy a Presidencia do Goberno da Nación. 

Algúns pensan que foi Aznar, pero estes non viron o traballo que houbo detrás. 

Moitas conversas no Pazo de Torres de Pompeán, en Meis, parroquia de Paradela. Moitas leccións para espertar no aprendiz curiosidade polo que ía acontecer coa nova estrutura do estado. 

"Nos tempos de desolación non facer mudanza, pero mantente firme e constante nos propósitos e determinación nos que estabas o día anterior a devandita desolación". Para ter visión periférica convén acudir as citas integrais e, así, contextualizar axeitadamente o pensamento de Ignacio de Loyola. Confeso o desasosego do que estou preso, outra vez, e venme pasando cando coincide coa toma de decisión, ou non, de Núñez Feijóo por si sae cara Madrid, agora que Pablo Casado anda preso do éxito dos demais e descentrado, ou se queda. 

Escudriño nos intestinos das aves como un cruel baluro, leo os clásicos por si me aportan luz neste sen vivir, acudo a memoria por si hai algo que me lembre un feito parecido, e todo é incapacidade para descifrar os movementos do home de Os Peares. Actúa, tal e como lle aprenderon a Mariano ámbolos dous políticos do antigo réxime, que confluían con José Manuel Romay Beccaría, tanto no das oposicións como no xeito de administrar os silencios ou na procura de discípulos con capacidade. Coincide con eles en que sempre os chamaron para estar nos sitios e nunca se presentaron voluntarios. Todo pode pasar.

Comentarios