Opinión

Se non es alguén, non es

QUEN ISTO di é o premiado director de cine galego Oliver Laxe, recentemente galardoado en Cannes pola súa película, rodada en galego, ‘O que arde’, nun artigo no que loaba a Benedicta Sánchez, unha octoxenaria que fai de actriz, sendo esta a súa primeira incursión no mundo da interpretación, no filme xa aludido. E non vai descamiñado. Se non es alguén a escuridade apodérase de ti e pode semellar que estás vivo, pero non o estás. Convérteste nunha negra sombra que vaga polas eiras, polas cidades, polos campanarios, polos palleiros ao sol no estío, polas casas reitorais da Galicia profunda con recendo a repinaldo recén colleito da árbore.

Non es. O teu país é así. Xa o dicía o enorme poeta natural de Monterroso Lorenzo Varela, esquecido, que se relacionaba con Neruda, García Lorca, Luis Cernuda, Rafael Alberti, Laxeiro, Maside, Colmeiro, Rafael Dieste, no seu soneto a Roi Xordo: "Aramos sobre os mortos desta terra/ e o noso pan ten un sabor de ósos/ familiares, irmáns/ O monte berra/baixo do arado, e chamamos os nosos desde a morte con voces coñecidas/...". É un fragmento do poema que canta a derrota do líder irmandiño da Irmandade Fusquenlla na súa revolta contra o señor Nuno Freire de Andrade. Derrota é sinónimo de morte. Do abandono da existencia, de deixar de ser alguén. Do esquecemento. Cando Lorenzo Varela regresa a España do seu longo exilio en México, Brasil e Arxentina proba en carne propia a dureza da falta de memoria a pesares de que amigos como Isaac Díaz Pardo, fundamentalmente, ou Valentín Paz Andrade fan esforzos para soster o seu recordo, editando a súa poesía. Ámbolos dous recoñecían que se non estabas onde tiñas que estar o tempo facía que te volveses ninguén.

Non lle acontece o mesmo a Manolo Paz, escultor, traballador da pedra, home enclaustrado na natureza do Val do Salnés, Cambados, onde mantén a fundación que leva o seu nome mirando cara a Serra do Barbanza, a cal sostén a unha comarca preñada de artistas na procura de novas linguaxes que permiten a comunicación entre o son da beleza e o home. A pedra soa. A pedra ten espírito. A pedra sitúate na existencia máis próxima a ti, rodeado de terra, area e auga. Son estes os elementos nos que se fundamenta o ser, ferramentas do escultor que pica a pedra, talla a madeira e dálle forma ao aceiro reflectidos nunha obra onde, no caso de Manolo, se transparenta en volumes, grandes ou pequenos, e na súa comuñón coa natureza.

A finais do mes de xuño, Manolo Paz entregaba o galardón que leva o seu propio nome ao portugués Álvaro Siza, premio Pritzker, considerado polos especialistas o Nobel da arquitectura, ligado a Galicia por seren o Centro Galego de Arte Contemporánea e a rehabilitación do cemiterio de Bonaval obras súas. No acto de entrega, ademais do presidente do Parlamento e do conselleiro de Cultura, asistiron tódolos alguén da arquitectura galega contemporánea.

Comentarios