Opinión

Verbas afiadas

Por onde irá o mundo neste 2024 que xa se achega paseniño? E España? E Galicia? En ocasións da pereza pensar nestas cuestións porque se o fas con detemento entra unha inquietude no corpo que convida a esquecerse do devir para estar no presente e proxectar un futuro que, se cadra, non chegará nunca. O mundo está revolto e habería que regresar as épocas da "guerra fría" para espertar a ameaza de premer o botón nuclear. Rusia, xa falou del, en Israel un ministro do goberno expuxoo nunha rolda de prensa sen complexos inda que logo recibise unha amoestación verbal do seu primeiro ministro que continúa co exterminio de gazatís civís, a maioría mulleres e nenos, baixo a mirada impávida de Estados Unidos, o seu grande valedor na zona, o que está provocando ira e desprezo, tanto en Europa como no resto do mundo, contra dos hebreos, confundidos co actual goberno israelí, de vocación e perfil xenocida. O mundo sabe que nos conflitos bélicos unha parte importante da poboación civil cae na contenda i é obxecto de furia exercido polo exército invasor, pero o que está facendo Israel rompe con tódolos tratados acordados nos organismos internacionais. O desaire realizado cara a Anthony Blinken, secretario de estado norteamericano, ao non aceptar treguas para atender a poboación gazatí sometida a bombardeos continuos, lembra o outro realizado contra António Guterres, secretario xeral da ONU, quen na súa visita á franxa reclamou a entrada de camións con axuda humanitaria. París, Berlín, Roma xa viron como grupos de persoas ameazan e atacan os xudeus. O último episodio coñecido esta semana, foi o dunha muller acoitelada na súa casa de París. Regresa o antisemitismo e daquí á Shoá; é dicir, a aniquilación sistemática dos hebreos sómente hai un pequeno paso. A irresponsabilidade dos líderes altera a orde mundial. Deberíamos repasar a historia.

En España os vaivéns do PSOE alteran a unha dereita, cada vez máis extrema pola negociación duns pactos para gobernar en coalición con Sumar, apoiados por ERC, Junts, Bildu, PNV, BNG e, se cadra, Coalición Canarias.A condonación da débeda de 15 mil millóns de euros a Cataluña dun total de 73.110, a transferencia da rede do tren de cercanías e seguro que máis cousas que se irán coñecendo co paso do tempo, ademais de exculpar os actores, tanto prófugos como os que están no país, participantes na declaración unilateral de independencia de Cataluña, provocan o asedio ás sedes do PSOE, manifestacións contra da aministía inducidas por un líder conservador, de natural tranquilo, que vive alporizado-segundo confesa- polos desatinos do actual presidente do goberno ao procurar a gobernabilidade co apoio dos "inimigos do estado", os independentistas, cando non fai moito negaba esa posibilidade.

Mentres tanto, un xuíz da audiencia nacional, Manuel García Castellón, mete a Puigdemont e a Rovira no caso tsunami, torpedeando a investidura de Sánchez. O PNV agarda.

En Galicia ule a eleccións polo que o ambiente xa se está caldeando. Goberno e oposición adestran para pronunciar verbas afiadas.

Comentarios