Opinión

Altas expectativas

DESPOIS DE ver a Iron Maiden, que podemos esperar para o vindeiro Resurrection Fest? O nivel quedou no máis alto e poucas pistas hai sobre os que poden ser os cabezas de cartel. Nin sequera trascenderon os nomes dos grupos máis solicitados polos fans na enquisa de bandas que lanzou a organización para coñecer e ter en conta as peticións dos seguidores, que participaron en masa tanto neste cuestionario como no que pedía valorar a última edición, con máis de 50.000 opinantes.

Silencio sepulcral, tamén, sobre os rumores de que Metallica, con novo traballo discográfico, podería dar tres ou catro concertos en España dentro da súa xira de presentación este verán. Sería, segundo apuntan medios especializados, algo parecido ao que veñen de facer os Maiden, que combinaron concertos en cidades con asistencia a festivais como o Resurrection, un feito inimaxinable hai pouco tempo e que porén foi posible.

Sobre isto, oficialmente non hai nada que contar. Pode ser porque haxa unhas negociacións en marcha, ou pode ser tamén por non crear falsas esperanzas nun público que, vendo a evolución do Resu nos últimos anos, non pode evitar ter as máis altas expectativas.

Comentarios