Opinión

O camiño da igualdade

ATREVEUSE A dicir un 'lumbreras' non nun bar, senón en pleno debate sobre a desigualdade laboral no Parlamento Europeo e nas vésperas da celebración do Día Internacional da Muller, que as féminas "deben ganar menos que os homes porque son máis débiles, máis pequenas, menos intelixentes". Comentarios prehistóricos coma este son un exemplo claro de que aínda queda moito por facer e non dan unha perspectiva moi alentadora de cara ao obxectivo da ONU este ano na celebración deste día, que era acadar a igualdade laboral plena no 2030. Unha utopía tamén segundo as previsións do Foro Económico Mundial, que estima que farán falta 118 anos para acabar coa fenda salarial entre homes e mulleres. Moito se ten avanzado pero moito queda aínda a tódolos niveis, non só no laboral. Os lugares de traballo, as rúas, os fogares están cheos de comentarios misóxinos, chistes malos, hábitos perpetuados. Moito teñen que facer administracións e empresas pero tamén cada un de nós nas nosas casas en cousas básicas como o reparto das tarefas ou a educación das novas xeracións, coa esperanza de que elas acaden unha igualdade plena da que nós aínda non gozamos.

Comentarios