Opinión

'Open your mind'

A IMAXE do meu amigo Javi rebobinando cun boli cintas de Metallica, Children of Bodom ou Judas Priest. Naqueles 90 eramos uns rapazolos e eu, cegada polos BackSteet Boys, non vía máis alá da súa música prefabricada e non entendía como el, a persoa máis formal e tranquila do mundo, podía escoitar aquelas cousas. Co tempo eu tamén as fun escoitando e acompañeino no Rock in Río aos concertos de Metallica e Motörhead, que resultaron ser unha grandísima experiencia e todo un descubrimento para a miña incultura. Despois o destino instaloume en Viveiro e aquí puiden coñecer de preto o Resu, un festival máis humilde pero que a cada edición potencia o cartel e amplía o número de seguidores. Eu non podo presumir de ser unha fan fiel desde o primeiro día e non sigo tódolos estilos que abrangue, pero recoñezo que acabou por abrir a miña mente musical e ofreceume unha experiencia tan bonita como aquela noite na que o escenario de Metallica botaba lume en Madrid. Hoxe o Resu xa non é tan pequeno, é grande en tódolos aspectos, véndelle entradas a xente coma min para ver a Volbeat e trae aos mellores do mundo. Non creo que Metallica tarde moito en vir.

Comentarios