Opinión

Mural mulleres galegas na Historia

A BRÉTEMA serán os anos, os camiños, as paixóns podres, os vermes que nos devolvan a terra, namentres, ao abeiro dos besbellos hai aves ávidas de vida e voz, debuxando nas paredes da cidade pequenos anacos da lembranza colectiva, defendendo a memoria para que non se converta nunha cunca con auga transparente, senón nunha fonte de dignidade, onde recoller a mellor versión de nos mesmos. Pintar contra esquecemento, pintar contra a desmemoria, pintar contra as bágoas e o abandono, pintar para recuperar o alento, pintar para facer xustiza, pintar para suliñar os nomes daquelas mulleres que fixeron de Pontevedra e de Galiza unha terra mellor. Imaxes, cores e siluetas das persoas que foron, son e serán, parte esencial da nosa historia. Falo do Mural da Memoria das Mulleres Galegas, ubicado na esquina da rúa Joaquín Costa, a carón do Parque de Amalia Álvarez, onde figura un mapa da nosa cidade poboado por alumeantes perseidas, coma a profesora Ernestina Otero, a escritora María Victoria Moreno, a propia Amalia Álvarez, viúva de Alexandre Bóveda, Cándida Otero, Carme Durán, Chichana Patiño, Cirta Rey, Clara López, Concepción Arenal, Consuelo Acuña, Custodia Gama, Daría González, Dolores Trabado, Elvira Lodeiro, Josefina Arruti, María Vinyals, Mari Carmen del Valle, María Luisa Olañeta, Mercedes Ruibal, Vasquida García ou Dolores Calviño. Todas elas, fillas, mozas, mulleres, nais e avoas, que tamén foron mestras, escritoras, mariscadoras, agricultoras, taxistas, sindicalistas ou represaliadas políticas. Neste titánico traballo participaron Carlos Taboada e Kike Mauricio de Polo Correo do Vento, xunto coas artistas Tania Solla, Belén Veleiro e Pablo Rei Zentolo. Subidos aos andamios na rúa, como Miguel Ángel Buonarroti na capela Sextina debuxando o Xuízo Final, o seu modo, estes artistas tamén pintaron ese xuízo final a modo de mural para facer honra coa historia e a memoria colectiva. Pintaron entre choiva, vento e marea. Pintaron abrasados cos raios dos soles implacables do verán. Pintaron resistindo, como resisten os artistas nunha guerra, cun pincel na man e un sorriso nos beizos. Nese mural están todas as que están pero non están todas as que son, porque cantas mulleres desta cidade loitaron e loitan tódolos días e cada unha a súa maneira, por mellorar a vida dos seus. Precisamos máis paredes da memoria para encher a cidade de cor e xustiza. A brétema serán os anos, os camiños, as paixóns podres, os vermes que nos devolvan a terra, pero nin a brétema dos anos nin a terra da morte poden coa palabra nin coa cor cando fican grabadas a lume nos recantos da vida.

Comentarios