Miércoles. 21.11.2018 |
El tiempo
Miércoles. 21.11.2018
El tiempo

A Taberna das Letras Galegas

AS LETRAS Galegas celébranse tamén no máis alá. Nese mundo metafísico hai unha taberna popular de porto de mar cunha terraza e vistas ao infinito. Alí séntanse Castelao e Rosalía mentres soa o violín de Quiroga nun doce e acompasado asubío. Dende a barra, Códax o trobador serve unhas cuncas de alvariño moi frío e Lois Pereiro olla o baleiro fabricando néboa cun cigarrillo. A taberna está rodeada de brétemas e ten un faro. Vai viruxe, vai silencio, vai o mar moi calmo. Cada dezasete de Maio reúnense alí os galardoados, para lembrar a terra, recitar un verso, entoar un canto. A taberna está rodeada por un xardín e ten bancos. Nun deles soña Manuel María, alí sentado, cavilando. Séntese un xentío, chegar paseniño. Veñen falando, veñen cantando, veñen rindo e alborotando. Escóitanse pandeiretas, escóitanse gaitas, escóitase o preludio dunha boa foliada . Son Risco e Blanco Amor, traen pan e un acordeón. Detrás chegan Seoane e Lugrís, cun pincel en cada man, agasallando cun debuxo a quen atopan ao pasar.

A festa da comezo e descórchase bo viño, "a esta ronda invito eu", berra forte Maria Mariño. Soa boa música, escóitase brindar, mentres bate a oleaxe na beira do mar. Ábrese a porta, acaban de chegar, Novoneyra e Alfonso X, non podían faltar. Levan os Eidos, levan as Cantigas, levan nas suas mans o alma desta terra feita de poesía. O tempo non existe na taberna do mais alá, aínda que hai moita morriña que todos queren curar. Para que voe esa saudade moito hai que festexar e así bailando así cantando vanse a ganas de chorar. Pola memoria, polos teus, polos que non voltan endexamáis a nosa terra máis fermosa, a nación de Breogán. Olla na terraza, cóllense da man, Castelao e Rosalía comézanse a bicar mentres no centro da taberna a xente erguida, posta en pé, todos queren entoar o himno galego de Pondal. Na taberna ninguén falta, está tamén Pulpeiro que rexeitou o nomeamento da Real Academia como membro.

Ao fondo comparten mesa Ánxel Fole e Cunqueiro xunto Dieste e Ramón Piñeiro cantan versos feiticeiros. Na taberna do máis alá a festa vaise relaxando o son baixa súa cadencia os bardos suavizan o seu canto. Saen a terraza Cabanillas e Pedrayo e baixan ata a praia xunto con Vidal Bolaño. Alí pasean, filosofan e atópanse na beira con Bóveda, Murguía, Carballo e Taramancos. Xuntos falan e recitan e escriben na area grosa: escoita irmán este meu canto, a brétema serán os anos. A luz do faro alumeando mestúrase coa néboa e da voltas e máis voltas sobre o mar e sobre a terra. Velaquí tódolos escritores e poetisas da nosa lingua festexando neste día a alegría na taberna máis compre non esquecer que as nosas letras tan galegas levan séculos ben vivas grazas a fala das mulleres, esas nais e campesiñas que criaron aos seus fillos na língua boa e xenerosa, na fala sempre máis amorosa de todas as quimeras. Dende o mar cada ano chega o porto sempre un barco. Hoxe agardan a Casares, alí ao fondo ven chegando. Desembarca e na taberna corren todos a festexalo e cando baixa bótan flores e aplauden ao seu paso.

A Taberna das Letras Galegas
Comentarios