Opinión

O can ladra máis forte

Manifestación en Pontevedra por el Día de la Mujer. RAFA FARIÑA
photo_camera Manifestación en Pontevedra por el Día de la Mujer. RAFA FARIÑA

Cando me pediron que escribise un artigo para ilustrar os cambios acontecidos dende a folga xeral do 8 de marzo de 2018 ata a deste mesmo ano, a sensación foi agridoce. Non cabe dúbida de que o éxito da convocatoria do 8M impresionou ata as máis optimistas: os sindicatos cifraron en seis millóns as persoas que se sumaron ós paros en toda España, e en medio millón o número de manifestantes que percorreron as rúas só na manifestación madrileña. En Compostela fomos varios centos as mulleres (e algúns homes) que enchemos o Obradoiro para berrar polos nosos dereitos sen esquecernos de todas as que xa non poden berrar porque algún desgraciado lles arrebatou a súa voz.

Ter conseguido este éxito na primeira Folga Xeral de mulleres é un fito histórico. Facer balance é un exercicio de resignación e tamén de empoderamento: quédanos moito por pelexar e por iso non está permitido renderse.

Se alguén me dixera que a fenda salarial entre homes e mulleres superaría o 20% en 2019 e que as mulleres seguimos ocupando os traballos máis parciais, temporais, precarios e os postos menos retributivos, non o crería.

Ter conseguido o éxito na primeira folga xeral de mulleres foi un fi to histórico

Se alguén me dixera que as empresas premian os homes cando son pais e penalizan a maternidade das máis diversas formas, non o crería.

Se alguén me asegurase que na actualidade a pobreza seguiría tendo rostro feminino en todos os países do mundo, non o crería.

Se alguén me prometese que no 2019 ía ter que estar pelexando outra vez para que os políticos máis ultras deixasen de ameazarnos con quitarnos o dereito ó aborto legal e seguro, en contra de tódolos postulados democráticos, da Organización Mundial da Saúde e da propia Onu, tampouco o crería.

Se alguén me insistise en que en pleno 2019 centos de homes e mulleres ricos reivindicarían a súa lexitimidade de pagar para explotar o ventre dunha muller pobre e usala como unha incubadora humana ata arrancarlle o máis prezado das súas entrañas, non o crería. E ficaría espantada.

Se alguén me comentase que este ano se ía seguir interpoñendo unha denuncia por violación cada oito horas (a meirande parte da violencia sexual non se denuncia) e que tería que ter medo para saír a correr, ou para rascar a perrecha soa na rúa, tampouco o crería.

Levo tempo observando que o feminismo deixou de ser algo cómodo e naif

Se alguén me dixese que en 2019 hai quen quere legalizar a prostitución para que os homes poidan ter o dereito de foder cando, como e onde queiran, non o crería.

Se alguén me confirmase que as manadas de amiguiños violadores se ían poñer de moda, non o crería.

Se alguén me insistira en que a escusa do amor romántico seguiría sendo o eixo da vida de moitas mulleres que quedan atrapadas en relacións insatisfactorias ou de dependencia económica e emocional, cando non de malos tratos, no 2019, non o crería.

Se alguén me prometese que as mulleres seguiriamos duplicando xornadas e encargándonos maioritariamente dos coidados e o servizo doméstico a custo cero no 2019, non o crería.

Se alguén me insistise en que en demasiados sectores os teitos de cristal son de formigón para as mulleres no 2019, non o crería.

Do mesmo xeito, se alguén ousara dicirme que a pesares de que dende hai varios anos as mulleres somos a maioría nas aulas das facultades pero non accedemos na mesma medida que os homes ós postos de cátedra e de poder nas universidades, non o crería.

E se alguén me dixera que aínda hai pais e nais que pagan colexios concertados que segregan por sexo e que gustan de que as actividades extraescolares sexan diferentes para elas que para eles, directamente, choraría.

Queda moito por facer pero sería inxusto esquecer que case catro séculos de loita feminista (e moitos máis de avances das mulleres) dan para moitas máis vitorias das que as veces cremos. Dende que en 1791 Olympe de Gouges reivindicara a categoría de cidadás de pleno dereito para as mulleres —a mesma categoría que os pais da democracia nos negaran en plena Ilustración porque para eles só eramos animais domésticos— a historia feminista europea é unha historia de éxitos. En pouco máis de 300 anos, as mulleres conseguimos o sufraxio para poder votar, conseguimos estudar e conseguimos acceder ós estudos superiores. Conseguimos traballar fóra da casa sen permiso do marido ou do pai, e dispor dos nosos cartos. Conseguimos acceder á propiedade privada e herdar. Conseguimos demostrar que non somos máis tontas, nin máis torpes, nin máis sensibles por natureza que os homes. Tampouco máis boas. Conseguimos casarnos con quen nos petara e non casarnos con ninguén. Conseguimos que non nos mataran por adúlteras. Conseguimos falar de igual a igual cos homes e mesmo ser as súas xefas, aínda que agora pareza un asunto menor. Conseguimos separar a sexualidade da maternidade, conseguimos os anticonceptivos libres e cubertos pola seguridade social, conseguimos leis de saúde sexual e reprodutiva para protexer os nosos íntimos dereitos en condicións dignas para o embarazo, o parto e a lactancia. Conseguimos as baixas por maternidade e a protección laboral das embarazadas. Conseguimos que violar fose un delito aínda que tiveramos un contrato matrimonial co violador. Ou co maltratador. Conseguimos que a violencia machista tivese categoría propia. Conseguimos que os fillos e fillas fosen tan nosos como do pai e por fin conseguimos que o noso apelido poida ir diante. Conseguimos que os pais se tivesen que encargar por lei da manutención dos seus fillos, aínda que esta loita non sempre é sinxela.

Non podemos esquecer que ningún dereito nos foi regalado. Que ningún home alzou a súa voz para nos defender se iso implicaba a perda dos seus privilexios masculinos. Que en canto tiveron e teñen ocasión, o patriarcado e o capitalismo alíanse para someternos. E por iso este ano, igual que o anterior, tivemos que levar a voz das manifestacións e das folgas, pero tamén debemos acceder ó poder sindical. É urxente que as mulleres teñamos voz e voto nas conversas entre patronal e sindicatos. Con este chan pegañento que nos mantén atadas ó doméstico vai ser moi difícil que poidamos acadar as cotas de éxito e liberdade que nos merecemos se eles, vós, os homes ós que agora me dirixo, seguen sen facer seu o espazo  doméstico, os coidados, a conciliación. Non necesitamos titores, si compañeiros.

Levo tempo observando que o feminismo deixou de ser algo cómodo e naif. Moitos e moitas se equivocaron ó pensar que ser feminista era levar unha camiseta do Bershka ou que nos ían a convencer usando o xénero gramatical feminino. Por iso teño claro que o maior cambio con respecto ó ano pasado e que agora o inimigo ruxe máis forte. Xa non se esconde baixo palabras amables nin eufemismos. Co medo a morrer, ladra como un can rabioso nos últimos días de agonía.

Seguirémonos vendo nas rúas!

Comentarios