Opinión

Camiño andado

 O FALECIMENTO do que foi Presidente da Xunta, señor Fernández Albor, dou orixe a unha morea de homenaxes e algunhas lembranzas, ainda que destas non todas respostan ao recordo persoal, senón ao que se chaman anécdotas ou contos, algo que non é nada extrano neste tipo de cuestións ouvidas, especialmente vencelladas á xeografia e vicisitudes políticas, como poden ser uns aplausos compartidos no castelo de Soutomaior, ou a auga bendita da misa de Rosalía., ou sexa miudezas Quen isto asina limita o seu coñecimento da persoa a unha soa entrevista, vencellada a asuntos relacionados coa Federación de Asociacións Culturais. Pero si que tratamos, e bastante, a outras figuras de aquel tempo, que foron amplamente aludidas, como foi o caso de Ramón Piñeiro sobre o cal dispomos non só de lembranzas, senón de testemuñas escritas. Se recorremos a un só exemplo, apontamentos para a ponencia de cultura do vello PSG, do Congreso 1977, foron en parte redixidos na sonada mesa camilla, tan mitificada hoxe como ágora do galeguismo clandestino, ainda que o certo é que os obxectivos do seu inspirador e paladin, eran moito máis amplos e variados.

Pero estas circunstancias fixéronnnos lembrar un persoeiro certamente singular, non só por lonxevo (1913-2010) e lúcido: Francisco Fernández del Riego Cando xa pasaba dos noventa anos, fixemos, na compaña dun amigo, unha viaxe a Vigo para visitalo, aguciados polo acelerado paso do tempo Coma sempre a conversa foi, entre outros riscos, un alarde de memoria e atencións . Doeuse de non poder quedar para xantar e fumar logo un xaruto, como fixéramos tantas veces na miña vila natal, concretamente nun establecimento próximo ao Teatro, no que el falara, con Castelao, Suárez Picallo e Villar Ponte o 12 de febreiro de 1933, presentados polo farmaceutico e lider local do Partido Galeguista, Claudio Pérez Prieto. Del Riego era daquela estudante, pero na cea do establecimento inmediato ao coliseo, foi quen de rememorar, para un estantio grupo de rapaces aquel acto e darnos a oportunidade de falar coa historia. Foi o 1 de agosto de 1979, porque ainda que non sexa un dos fastos da historia dos que fala o poema de Añón, si que quedou gravado no relato do activismo xuvenil e entusiasta de aqueles anos. Dunha das parroquias ribadenses procedia a familia do seu pai, por certo, ainda que todo o mundo sabe que el era de Vilanova de Lourenzá.

As razóns para a ubicación en Vigo, tanto da editorial Galaxia como da Fundación e Biblioteca Penzol, eixos findamentais do seu labor, xa as coñeciamos mesmo antes de falar por primeira vez con don Paco. Repasamos aquel día algúns aspectos do seu labor. Coa leria, deixámonos engaiolar pola faceta de activista infatigable e intelixente, que militou no antigo proxecto dun socialismo nacionalista que se concretaba no PSG, e que cando foi preciso e mesmo urxente, foi quen de dar ao prelo en 1979 un Vocabulario Castellano Gallego, xusto no momento no que se precisaban con algunha urxencia ferraentas a prol do idioma.

Don Paco empregou como seudónimos os nomes de moitos dos lugares que festonan A Mariña lucense, ao comezo obrigado pola situación política e o ambiente escuro e ameazante, que paseniñamente foi esvaindo e voltándose mais tépedo. O máis coñecido é Salvador Lorenzana, pero tamén outros como Cosme Barreiros. Co primeiro mesmo se anunciou unha viaxe á Arxentina.

Comentarios