Opinión

Carraxe literaria

CREO QUE foi Javier Marías quen aseguraba que algunha das mais destacadas historias de escritores, agachábanse nos catálogs de libros de anticuiario, que fornecian información interesante ou curiosa sobre os autores, algo do que non dubido, ainda que na particular experiencia de afeizoado, carezo de casos que pague a pena citar. Mais ao facer memoria da feira do libro da miña vila, para cumpir cun obrigado e pracenteiro encargo, o que si lembrei foron aqueles títulos que chamaron a miña atención, e que axiña lin, aguilloado por unha cabeceira enxeñosa, ou sorprendente, sexa pola sua precisa e estrarrecente longura, pola inclusión de moitos números, ou por ser unha interrogación. Penso en Antón Alonso Rios, Casado Nieto e Anxel Fole. Do primeiro, O siñor Afranio ou como me rispei das gadoupas da moerte, do segundo, O, 1, 2, 3 trancos, na vida do Braisiño e do noso Fole ¿E decímolo ou non o decimos?. Quizais non compitan con algúns de Thomas de Quincey ou de Jonatan Swift, mais cada quen rebusca na gaveta da súa memoria.

O libriño de Anxel Fole, editado en 1972, ten ademais outras particularidades, pois foi editado por Cartonaxes Anmi, que non era unha editorial ao uso, senón unha pequena empresa dedicada a elaborar caixas e envoltorios, para diversos produtos, que dirixiu Angel Gómez Camarón, e que cumpriu un importante labor naqueles xa lonxanos anos. Segundo os estudosos da súa obra, o relato de Fole é o comezo da produción de narracións curtas, paseniñamente distantes do eido rural, e continuaria con Contos da néboa editado por Castrelos e logo por Galaxia, e Historias que ninguén cre do selo de Xerais.

No prologo que en 1934 escrebeu Castelao para un libro de Xerardo Alvarez Limeses, o sogro de Alexandre Bóveda, deixou dito nunhas verbas limiares, despois moi repetidas, que o autor dun libro galego sempre seria un patriota, xa que "se ainda somos diferentes e capaces de existir, non é mais que por obra e graza do idioma".

Haberá quen considere estas divagacións, boubas propias de avós ou devanceiros, idealizadores do pasado para asi subliñar os propios riscos biográficos, que ás veces tamén hai algo diso. Con todo, é certo que outras creacións de autoría máis xuvenil, son quen de coar como achádegos ou ocorrencias literarias, sendo pegadas sinxelas da mais prosaica realidade, agachando aspectos biográficos que si poderian constituir un verdadeiro filón.

Pero quizais, pasado o tempo de atribuir valores patrios e enxebres ao feito de compoñer en galego, o que si botamos en falla no eido literario, máis que alfaias en recónditos relatorios, catálogos e listados, é a crítica, tanto ten de tipo académico como xornalístico, que en absoluto son incompatibles. Antes, segundo decia Ramón Piñeiro, o noso medio cultural era familiar, composto por tan poucos que se coñecian todos, pero hoxe xa que a nómina de facedores é considerablemente ampla, quizais conviña iniciar tal prática, ainda que dela se sigan algúns desgustos e cabreos ocasionais. A carraxe tamén pode ser literaria.

Comentarios