Opinión

Dúas das tres virtudes

AS EFEMÉRIDES E comemoracións están á orde do día. É un apartado ao que moitos medios de comunicación, particularmente os xornais, dedican unha sección específica e de frecuente lectura, co titular de hai 25, 50 ou cen anos, aínda que coñecimos un semanario que instituiu un apartado titulado 44 años ha. En datas recentes, rememoránronse as primeiras eleccións democráticas, que tiveron lugar en xuño de 1977. Contra da opinión dun interlocutor discrepante, que teimaba en aproximarme ao pleistoceno, mais sen anoxarme polo calificativo de vellouqueiro, non me presentei a tais comicios e para o caso como se o fixera, non unicamente polos enxoitos resultados do vello Partido Socialista Galego, senón porque participei naquela campaña, xa moi distante, en calidade de colaborador, mesmo para tarefas tan propias e tan inéditas como eran os mitins. A falla de práctica, convertían moitas veces aquelas arengas en verdadeiras prédicas plúmbeas, a base de soporíferas diatribas. Cada quen procuraba saír do trance como mellor podía, tirando partido ás veces dos coñecementos e destrezas da súa profesión. Así, os profesores, que abundaban, convertían os discursos en remedos das clases, os sindicalistas, tamén especie profusa, en fogueiras de eslóganes, os curas secularizados en sermóns de ecoantes solidariedades, e os membros de sociedades corais agardaban ao remate para a súa intervención auroral: entoar o Himno Galego. Aqueles colofóns musicais, deron lugar nalgunha ocasión a episodios certamente chuscos. Os asistentes apenas duplicaban aos bisoños intervintes, e destes un non era moi parcial da filarmonía, pero a teima de outro era seguir o guión, de xeito que, de súpeto, comezou a peza de Pascual Veiga, que foi executada en version de dueto de rúa, e premiada con sonoros aplausos polo resignado publico, que descoñecía a tocata pero que cando menos disfrutou unha miga, con aquel inesperado estourido final.

Os rastos da dilatada dictadura, e a precariedade xeral, asomaban en actitudes e tics de todo tipo, e así á pegada de carteis concediaselle un protagonismo desmesurado, o que nalgúns casos levaba á superabundancia e noutros á escaseza, compensada con mensaxes contundentes e as liortas polo reparto dos espazos, oficiais ou non, onde se colocaban aqueles afiches que, no caso ao que nos referimos non contaban cos retratos dos candidatos, por falla de recursos aínda que se insinuaba que se trataba de evitar o persoalismo. A cuestión mudou nos seguintes comicios, onde se procurou vencellar o votante co atractivo ou carisma persoal dos candidatos.

Aquela insólita campaña, tamén serviu para observar hábitos que perdurarían e se multiplicarían durante vindeiros períodos. Houbo quen foi carrexado en padiolas para exercer o recén estreado e perentoio directo, que foi o derradeiro acto da sua vida. A casuistica é inmensa e, dentro dela, os sorteos para a designación dos membros das mesas electorais, anticiparon e demostraron o carácter vertoltán dos xogos de azar, teimudos en facer recair sempre a sorte nas mesmas persoas. Que tempos! Das tres virtudes, dúas eran o denominador común: a fé e a esperanza. Logo, nalgúns casos, resultou que a primeira era cega e a segunda ilusoria en demasía.

Comentarios