jueves. 25.02.2021 |
El tiempo
jueves. 25.02.2021
El tiempo

A pedra sosa como inspiración

A UNESCO ven de declarar patrimonio inmaterial da humanidade e inxerir no seu catálogo de protección, unha técnica constructiva tradicional que se chama pedra seca e tamén se coñece como pedra sosa, porque non leva argamasa. Ademais do seu valor intrínseco como ben, para nós é un xeito de recoñecimento dos precursores e continuadores dos estudos etnográficos e das especialidades próximas, como poden ser os de Xoaquin Lorenzo (a quen se lle dedicou o Día das Letras en 2004), que ao falar das paredes e dos seus tipos construtivos, escrebe que "a maña dos nosos canteiros para asentar as pedtas é realmente estraordinaria. Vense correntemente grandes paredes feitas con pedra miúda, que somentes pola perfección con que están traballadas, poden aturar sen deterioro os esforzos a que se ven sometidas". 

Na información espallada, en xeral, ponse como exemplo desta técnica tradicional os socalcos para as viñas nas bocarribeiras, pero mesmo en tempos recentes ainda se podian observar casas de planta circular construidas con pedras en seco, e antes con tellado de de palla ou de terra con vexetacion, como sinala George Borrow. Pero non se pode aludir unicamente á visión do sonado visitante británico, que ao redor do primeiro terzo do século XIX fala de miserables casoupas ateigdas de lixo e de miseria. Hoxe a problemática non deriva unicamente da escaseza e da penuria Se reparamos nas novas vivendas, construidas nas zonas de expansion das vilas e cidades aproveitando o antigo viario, aprézase unha tendencia a reproducir as edificacións complementarias propias da zona rural como os casetos e pendellos ainda que os usos non sexan os mesmos agás o de gardar o can. Claro que moitas veces, á marxe da falla de planificación, o que resulta mais espantoso e propio do mal gosto e do feismo, non son as construccions auxiliares senon as principias, que reproducen modelos exóticos. O feismo é un fenómeno mostrado e discutido, case sempre nos seus aspectos mais rechamangueiros, pero poucas veces aparecen en tais escolmas creacións modernas pero extravagantes en canto ao deseño e proporcións, ou sexa o ‘bonitismo’. 

Cada tempo ten as súas propias técnicas: hoxe o perpiaño concertado úsase pouco e recórrese ao aplacado como imitación ou adorno, por mais que sexan admirables os antigos xeitos de aparellar as paredes. Cabe a posibilidade de interpretar determinados usos como modelos e de priorizar outros. O feito de que un indiano enriquecido tivese a ocorrencia de cubrir con tella bermella e non con lousa, que é o xeral en moitas comarcas da provincia, non debe obrigar a restituir mimeticamente o exotismo senón a respeitar os usos comúns.

E con motivo deste recoñecimento cabe unha referencia á arquitectura popular galega, desde os pontos de vista arquitectonico, urbanistico e antropoloxico, e lembrar os temperáns traballos do Seminario de Estudos Galegos sobre Calvos de Randin, de 1930, Terra de Melide, de 1933, Velle de 1936 e naturalmente o tomo II da Historia de Galicia de Xoaquin Lorenzo de 1962 e Santa Marta de Moreiras, de Xosé Ramón e Fernández-Oxea, de 1968, nunha fermosa edición de ‘Castrelos’. Son uns sólidos alicerces nun eido bibliográfico non moi abondoso na nosa terra, pesie á sua importancia. Quizais o recoñecimento que comentamos, serva de aturuxo para animar tais estudos, tal e como o soubo ver o benemérito Museo do Pobo Galego.

A pedra sosa como inspiración
Comentarios
ç