viernes. 21.01.2022 |
El tiempo
viernes. 21.01.2022
El tiempo

Un caso de inspiración ovípara

OS PROBLEMAS da traducción constitúen unha verdadeira e variada frouma semántica, sintáctica, retórica, etc., ademais da discusón teórica precedente, sobre se estamos perante un exercício somente lingüístico ou máis ben literario. Como mostra do dilema das transcripcións e versións, adoita citarse o caso da obra teatral de Oscar Wilde The Importance of Being Earnest, que se traduciu ao español como La importancia de llamarse Ernesto, cando literalmente sería A importancia de ser serio. No orixinal inglés, xógase coa palabra earnest (serio) que é homófona de Ernest. Foron máis afortunados na traslación ao catalán, xa que titularon A importancia de ser Frank, verba que soa igual que franc, ou sexa honesto. En galego foise polo atallo e titulouse sinxelamente Ernest.

Mais se pasamos do eido da cultureta ao das chacotas e brincadeiras, un noso amigo, por certo multilingue, fainos chegar a fotografía dun cartaz anunciador de obras nun hospital próximo onde aparece a frase "No se desperdicia ni el más mínimo espacio y en la renovación de la rampa, también se habilita el huevo de la vieja para ampliar Farmacia y Archivo". Ocorre que no orixinal, en galego, a frase final fala da habilitación do "oco da vella", en referencia á anterior rampla. Non coñecemos nen nova nen vella, moza ou madura, a quen se lle poida apoñer tais capacidades, e tampouco trocando o sexo, alén do humorismo, como acontece co enxeñoso relato de Labarta Pose, O segredo do Tio Sanfona que, seica, ainda ten inspirados eséxetas e farturentos cultivadores.

Hai un dito italiano que afirma "Traduttore, traditore", ou sexa que a traducción pode ser traizoeira, como o é neste caso. Claro que son peores as mentiras e calotes. Un coñecido escritor asombrábase hai poucos días dunha mostra na Tate Modern londinense, coa exhibición dun cabo de vasoira como obxecto artístico. Ainda que é certo que existiu un tal Marcel Duchamp, tamén o é o fetichismo e a impostura, ou sexa Bibere Humanum est, ergo bibamus. Xa non falemos das andrómenas e hipérboles que acompañan algunhas informacións, e mesmo aquelas que acadan e embeben desde as máis altas dignidades, até as tarefas pedáneas ou pedrestres, agachadas baixo o embozo progresista, porque vende máis que ser ultramontano. A renartería pode ser moi creativa.

Un caso de inspiración ovípara
Comentarios