Opinión

Canteira e carteira

SE ALGUÉN ten algunha dúbida de por que o fútbol xera tantas paixóns, o ocorrido a pasada fin de semana no Estadio Olímpico de Berlín, Montilivi, Benito Villamarín, Nova Creu Alta ou Carlos Belmonte pode darlle algunha pista. Afortunadamente, no fútbol non sempre gaña o que ten máis diñeiro. O Spórting de Xixón, único equipo de Primeira e Segunda División que non gastou nin tan sequera un peso en fichaxes, logrou o ascenso. Nesta ocasión a canteira contou máis cá carteira. No fútbol o importante é metela. Se o Girona a metese unha vez máis que o Lugo, agora estaría en Primeira. O equipo de Setién -grazas por todo, míster- limitouse a levar a cabo o que calquera conxunto profesional debe facer: buscar o triunfo. O de que o partido non se acaba ata que pita o final o árbitro -outra das máximas do fútbol- tamén se cumpriu cos equipos implicados no ascenso e descenso de Segunda. E se non que llo pregunten ao Rácing de Santander e ao Girona. As bágoas das súas afeccións foron de dor, mentres que as de Spórting e Osasuna fórono de ledicia. Así é o fútbol. Coma a vida mesma. Xogar primorosamente -que non é precisamente recibir primas ou facer o primo- tamén ten ás veces a súa recompensa. Para exemplo, o Barça de Messi ou viceversa. O fútbol seguirá suscitando paixóns a pesar da Fifa, dos afeccionados ultras, dos locutores de bufanda e camiseta e dos patrioteiros que só se acordan del cando hai un himno polo medio.

Comentarios