Opinión

Clima

NUNCA CHOVE a gusto de todos. E o cume do clima de París non foi unha excepción. O acordo proclamado aos catro ventos como histórico non o é tanto, pero tampouco é como para tiralo ao caldeiro do lixo. É positivo que dous centos de países aproben o primeiro texto universal para loitar contra o cambio climático. Non o é que ese texto non sexa máis que unha declaración de intencións, xa que non é de cumprimento obrigatorio nin recolle sancións aos países que non cumpran os seus compromisos. Estados Unidos estivo a piques de plantarse a última hora. E todo por un tempo verbal. Houbo que cambiar nos minutos de desconto un futuro por un condicional para que non se fose todo ao carallo. Ao final en texto reza que «os países desenvolvidos deberían (no orixinal era deberán) seguir incrementando os esforzos...» e que «os países en desenvolvemento deberían (non deberán) seguir aumentando os seus esforzos...». Queda claro que cada país vai facer o que queira. Os técnicos na materia coinciden en que vai ser moi difícil de que con estes vimbios se poida facer cesto que impida que a temperatura mundial non suba máis de dous graos de media. O máis destacable é que por primeira vez case todos os países do mundo se deron cotenadas para saír na foto. Agora a ningún político, salvo se é do Tea Party, se atrevería a escudarse nun primo científico de Sevilla para asegurar que o cambio climático non pode converterse «no problema mundial».

Comentarios