Opinión

Coalición

A COALICIÓN internacional contra o xihadismo que pretende promover Hollande non callará pola sinxela razón de que os países que deberían liderala teñen intereses contrapostos e cada un vai ao seu. En EE.UU., Obama, que non foi quen de pechar Guantánamo, ten pavor a repetir os erros -envío de tropas terrestres- dos Bush, que coas súas intervencións en Afganistán e Iraq contribuíron en gran medida a que o Estado Islámico sexa hoxe unha sanguinaria realidade. Putin, no seu empeño en recuperar para Rusia o status de gran potencia e devolverlle á Otan a xogada de Ucraína e a faena de colocarlle tropas nas súas fronteiras, está máis preocupado pola alianza con Irán, e por manter á Al Asad no poder en Siria, que por aniquilar ao EI. En Turquía, a prioridade de Erdogan é a de manter a raia aos kurdos e sacarle proveito á súa condición de membro da Otan para que lle cubra as costas. Arabia Saudita, que disputa con Irán e Turquía a hexemonía árabe-musulmá na zona, mantén agora un perfil baixo ante as acusacións -apoio económico aos sunitas do Estado Islámico- das que é obxecto, mentres bombardea aos xiítas no Iemen. Polo de máis, Israel -a outra potencia de Oriente Medio- goza coa sempiterna división dos seus inimigos, incapaces de mover un dedo para que o asunto de Palestina non se enquiste per saecula saeculorum. E Francia, Reino Unido, Alemaña e España? Pois moi ben, preparando as próximas citas electorais.

Comentarios