Opinión

Empate

O OCORRIDO o pasado domingo en Sabadell na asemblea da CUP é a mostra de que moitas veces a realidade supera á ficción. O empate a 1.515 votos entre os partidarios do si e do non á investidura de Artur Mas como presidente da Generalitat de Cataluña é un (semi)final xenial para unha desas películas que botan aos espectadores da butaca a media sesión. A formación anticapitalista, con dez deputados nun Parlament de 135, ten collido polos collóns desde principios do outono a Mas, que agora lle responde que pode forzar novos comicios pero non cambiar ao presidente. É unha forma de velo. Mas estase a deixar humillar ata cotas insospeitadas co fin de manterse no poder. Pode presidir Cataluña, España, ou Vilaverde de Abaixo, unha persoa que parece descoñecer o que é a dignidade? Conviría lembrar que esta trapallada que se prolonga xa por máis de tres meses ten o seu prólogo horas despois do peche das urnas o 27-S, cando un dos líderes cupeiros, Antonio Baños, admitiu que a vitoria soberanista en escanos pero non en votos supoñía unha derrota no plebiscito. A continuación, engadía que o proceso independentista podía seguir adiante pero a diferente ritmo, á vez que advertía, como fixera na campaña, que a súa formación non investiría a Mas. Alguén entende algo? Se antes non dá outro dos seus bandazos, o próximo domingo e tras un cento de asembleas, a CUP decidirá por fin. A non ser que haxa outro empate.

Comentarios