Opinión

Entroidos

O ENTROIDO xa non é o que era. Na maior parte de Galicia -salvo as consabidas excepcións do Oso de Salcedo, os Xenerais do Ullla e os peliqueiros, mecos, pantallas, cigarróns, felos e demais familia da Ribeira Sacra e vilas ourensás-, o Carnaval só mantén a tradición na súa variante pantagruélica, co porco como rei. Na zona rural, o Entroido, que se seguiu celebrando durante a Ditadura, empezou a languidecer curiosamente na Transición, ata desaparecer practicamente a medida que as aldeas se foron despoboando. Nas vilas e cidades pasouse dos acartonados bailes de disfraces nas sociedades -algúns aínda perviven- aos desfiles pola rúa importados de Río de Janeiro, nos que, do mesmo xeito que ocorre nas irredutibles salas de festa, o maior aliciente son unha presada de euros que levarán as comparsas gañadoras. A outra sinal de identidade -a crítica aos poderosos- desta festa pagá que antecede á Coresma hai que buscala con lupa. É o que pasa coas festas subvencionadas, cando non organizadas, polos concellos, dun ou doutro signo político. Unha das imaxes que ao arriba asinante se lle vén a cabeza sempre nestas datas é a do retranqueiro Eladio da Caseta -subido no carro das vacas no que chegara tirado (o carro) por uns veciños- recitando unhas máis que satíricas coplas nun prado de Oroxe (Bazar, Castro de Rei). Aqueles sí que eran entroidos. Franco aínda estaba no Pardo e Eladio non acabou no cárcere. Hoxe, quen sabe.

Comentarios