Opinión

Florentino

OS NON madridistas -ou antimadridistas, que de todo hai- están que rabean porque os clubs dos seus amores non ocupan nin a centésima parte do que os ases, marcas, radios e televisións dedican ao Real Madrid nos seus espazos de deportes. Ou mellor dito, de fútbol; ou, para ser máis precisos, aos cochazos e tuits dos multimillonarios deste circo. Pero o que realmente envexan os que non aprecian o merengue é non ter no seu club un presidente coma Florentino. Porque o «ser superior» -Butragueño dixit- é o home ao que máis debe o fútbol español. Alguén cre que sen el un salmantino fillo dun ferroviario perseguido por roxo -o único adestrador que gañou dúas Champions co Real Madrid, ademais de dúas ligas e unha Intercontinental- levantaría a Copa do Mundo e a Eurocopa con España se non fose botado do club polo seu presidente, director deportivo e dono in pectore, porque non daba o perfil galáctico da centenaria entidade fundada por dous irmáns barceloneses? Outra cousa que hai que recoñecerlle ao presidente do club branco é a súa contribución ao fomento do emprego no colectivo dos técnicos. Nada menos que once adestradores nos seus doce anos de presidente. Ademais, Florentino é un incomprendido. Como é posible que o Concello, dirixido agora por unha ex xuíza, impida que a pretendida ampliación do Bernabéu afecte a chan público, é dicir, de todos os madrileños? Ver para crer.

Comentarios