Opinión

Tratado

DO TRATADO transatlántico de comercio e investimentos pouco máis se coñecía que as súas siglas (TTIP), presentes nas pancartas de cantas manifestacións hai nas cidades europeas. E tampouco é que se saiba moito máis tras sacar á luz Greenpeace documentos nos que se revela a presión de EE.UU. para que a UE se adapte ás súas demandas. Alguén se esperaba algo distinto? Cando unha negociación se leva en secreto é que algo -ou moito, como é este caso- se quere ocultar. Os tratados de libre comercio sempre benefician ás grandes multinacionais e en moi poucos casos á poboación dos países afectados. Á Comisión Europea faltoulle tempo para saír á palestra e negar que o TTIP vaia a rebaixar a regulación do Vello Continente sobre protección de consumidores ou medioambiente. O obxectivo do tratado é equiparar as lexislacións aos dous lados do Atlántico. Por exemplo, adaptarase Estados Unidos á xa máis que laxa normativa da UE sobre transxénicos ou será Bruxelas a que trague e acepte a barra libre de Washington neste asunto? A pregunta contéstase por si soa. Os lobbies impoñen, en EE.UU. e Europa, os seus criterios a (case todos) os políticos, que en teoría deberían defender os intereses dos cidadáns dos seus países. Pero non todo está perdido. Algúns países, como Francia, xa sopesan poñer fin ás conversacións. Outros poden seguir os seus pasos, sobre todo se as referidas pancartas alagan cada vez máis as súas rúas.

Comentarios