viernes. 25.09.2020 |
El tiempo
viernes. 25.09.2020
El tiempo

Luz Pozo Garza, unha alma libre

Soaban as palabras de amor e mais a morte

Non aprendín aínda a escoitalas sen pranto...

(Luz Pozo Garza)

Hai luces que cando se apagan, doen especialmente a toda unha colectividade, mesmo sabendo que nunca se apagarán definitivamente. Onte de madrugada foise un facho de vitalidade poética, unha Luz, filla predilecta de Ribadeo, que dialogaba coa nosa voz fundacional, con Rosalía, de ti a ti, e que coma ela, se rebelou e se negou a cantar tan só ás pombas e as flores; unha voz que non se resignou a rezar e a consumir bágoas sobre a almofada do desamor e que berrou con rotundidade “Non! Eu son Medea!” porque ela foi unha alma libre.

Luz Pozo Garza naceu cun paxaro na boca que emprendeu o voo no ano 1949 cando publicou o seu primeiro libro, Ánfora, un canto de exaltación da vida e do amor, sen valos, sen condicións, en plena posguerra. Coa forza da súa palabra, co estoupido sensual da súa voz, foi quen de liberar  mitos femininos recluídos nas imposicións morais, como foi o caso da Dánae recluída polo seu propio pai. Ela é a Dánae que é quen de camiñar soa por espazos abertos.

Dende entón non parou de bater as ás e de emitir rechouchíos mentres lle quedou unha migalla de vida, percorrendo océanos, illas, constelacións, camiños, pontes, vales e ata montañas na procura da patria, do amor que move as estrelas todas -mesmo o sol- e  da liberdade. Luz Pozo  foi ese facho solidario cos marxinados, cos esquecidos, cos vagabundos... que iluminaba os desfavorecidos. Dende aquel primeiro poemario ata o último, Pazo de Tor   -que foi publicado en 2019, con 96 anos, no que fai memoria das súas raíces familiares- pasaron setenta anos. Sete décadas nas que, coma un caudaloso río, foi ciscando versos, ensaios, ensinanzas como filóloga e profesora de lingua... que converten a esta egrexia, nada na mariña luguesa, nunha poeta universal recoñecida dentro e fóra de Galicia. “Poeta do AMOR con maiúsculas. Cantora consubstancial do AMOR”, como sinalou no seu día o profesor Xesús Alonso Montero.

Onde andarás xa, querida e admirada Luz? Ben seguro que voando en liberdade, coma sempre. Quizais recompoñendo a floración que xeme e estremece en amplas avenidas? Que novas músicas andarás a compoñer neste intre?  Talvez, impartindo leccións de como sobrevivir, intelixente e intensa Luz, sen odio, na procura do sol de medianoite, malia as pegadas de golpes terribles que a Guerra Civil deixou tatuadas na túa alma? Imaxínote nese descoñecido reino conversando con Rosalía, Eduardo Moreiras, Gerardo Diego, Vicente Aleixandre, X. Neira Vilas, I. Díaz Pardo, Xela Arias,  Luísa Villalta... e tantas e tantos outros que xa se foron para engrosaren, no Máis Alá, o selecto club das persoas que non sabían odiar. Outrosí, pode ser que retomes a inacabada conversa con Borges na busca da transcendencia e o poder do amor como forza integradora.

Préstame hoxe expresar a miña gratitude a Luz Pozo por esa excelsa ánfora ateigada de beleza e arte, de elegancia e sensualidade, de brillante orixinalidade, de intensidade, de potencia e vitalidade poética, de luminosidade e humana... que nos deixas.

Grazas, Luz, o facho que ti alumeaches permanecerá aceso nas novas xeracións que seguirán gozando da palabra que nos deixaches como herdanza sempre viva. Hoxe somos moitas e moitos os que non sabemos se chove ou choramos...

Recolle todos os afectos, que son moitos, na túa alma libre. Velaquí o noso agasallo.

Luz Pozo Garza, unha alma libre
Comentarios