Opinión

Arte escríbese con Y

O creador lalinense Álvaro Negro repasa a súa traxectoria nunha gran mostra do CGAC

Exposición de Álvaro Negro


Por un lado Y é unha letra con certo aspecto de icona, se queres, de símbolo. É como unha especie de axis ou de eixe, que une as palabras, pero que tamén, metaforicamente, pode aludir a esa peza que trata de unir a miña obra ao longo de todos estes anos", explica Álvaro Negro (Lalín, 1973). "Ademais desa imaxe iconográfica, parece referirse a eses espazos limítrofes entre as obras e o lugar no que están colocadas. Porque, ao final, a obra dun artista non deixa de ser ese continuo".

O creador lalinense, actualmente bolseiro da Real Academia de España en Roma, repasa o conxunto da súa traxectoria, da man do comisario David Barro, na mostra Y, que se pode visitar ata o 4 de febreiro no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Santiago.

"Esta é unha exposición retrospectiva. A primeira ollada que se fai ao conxunto da miña traxectoria". O artista destaca nela o diálogo que quixo manter co espazo arquitectónico, unha cuestión fundamental na súa traxectoria. "Unha parte moi importante da miña obra é o diálogo coa arquitectura, co propio espazo expositivo. Así que unha das características máis significativas desta mostra é o propio deseño da exposición", explica. "Construíronse varios muros. Por unha banda, fíxose unha recuperación da arquitectura orixinal de Álvaro Siza, volvendo conectar o espazo dobre coas salas do primeiro andar, enfatizando unhas novas perspectivas do espazo, que articulan toda a exposición".


"Un artista móvese no territorio da artes. Falar de xeracións soe levar a caer en tópicos"


A mostra recompila dende traballos realizados cando aínda era estudante na facultade de Belas Artes ata a actualidade. "Hai unhas primeiras obras que foron creadas no último curso na facultade de Belas Artes de Pontevedra e que conectan moi ben coa obra feita durante os últimos dez anos". Esa é unha das razóns polas que a exposición non está articulada dende unha perspectiva clásica. "É dicir, non se estrutura cronoloxicamente, senón que está pensada en función da relación da obra co espazo. Así que se mesturan obras e datas. Hai obras paisaxísticas mesturadas con outras de carácter abstracto e con outras que foron creadas como parte dunha videoinstalación. Quero dicir que hai un abano que resume o espírito xeral da miña traxectoria, pero sempre poñendo a énfase na relación coa distribución dos espazos do propio Siza".

INTERESES CONSTANTES. Negro recoñece que a súa mostra retrata a un autor con inquedanzas moi marcadas e constantes. "Creo que esta exposición amosa que xa dende o principio tiven unha intuición moi clara sobre cales eran os camiños polos que ía transitar", conta. "Nesta mostra non se ordenan as obras cronoloxicamente precisamente por iso porque independentemente da época na que foron creadas relaciónanse entre elas moi ben".

Creador de longos silencios, que permanece afastado dos focos por temporadas, Negro é un dos autores máis destacados da súa xeración, unha das primeiras saídas da facultade de Belas Artes de Pontevedra. "Falar de xeracións é un tema complexo. Soe levar a caer no tópico de arte galega fronte a arte española ou arte internacional. Un artista móvese simplemente no territorio da arte. Eu son un artista galego porque nacín en Galicia, pero móvome por todo o mundo. Vexo a arte dun xeito máis xeral, como un panorama cheo de interconexións", explica o artista. "Ao final, a historia da arte está chea de vínculos. Pódese ver, por exemplo, entre a pintura española e a italiana. As influencias mutuas foron continuas. Así que a min, en xeral, gústame pensar na arte como esa especie de territorio de comunicación, de interferencias culturais entre diferentes tradicións. Eu recoñézome, obviamente, na tradición da arte galega, pero non unicamente aí, senón tamén noutras importantes na historia da pintura".

Negro recoñécese, a el e ao seu traballo, na mostra do CGAC. "Un creador asume o traballo que fai e que haxa un público que se sinta máis afín co resultado e outro que se sinta menos afín. Iso é algo consubstancial á creación", comenta. "Pero é fundamental que un autor se recoñeza na exposición. Eu si que o fago, e completamente, nesta do CGAC. É a mostra que eu quería facer. Da man ademais de David Barro, que era o comisario axeitado porque coñece de primeira man como foi todo este proceso de 20 anos. Traballar con el foi moi sinxelo. Entendémonos case sen palabras".

Comentarios