Opinión

Conciliación familiar (e II)

NO ANO 2002, o BNG presentou no Parlamento Galego e mais no Congreso dos Deputados unha Proposición de Lei de Corresponsabilidade Laboral e Familiar. O espiríto presente nesta Proposición de Lei baseaba a corresponsabilidade familiar, en primeiro lugar, nos pais de forma conxunta e solidaria e, en segundo lugar, na consideración de que o coidado –a crianza– é un dereito social, é dicer, un dereito da sociedade a ter un futuro de cidadáns sans e ben integrados e non unha carga a asumir polas nais, que compatibilizan dous ou tres traballos na súa vida activa.

Os debates, primeiro na Galiza e logo en Cortes, non acadaron éxito no sentido de lograr votos suficientes para convertela en lei; o partido daquela no Goberno considerou que non podía dedicar fondos orzamentarios a cobrir as necesidades sociais de crianza e atención a menores e dependentes, é dicer, rexeitou completamente a cobertura dun dereito baixo o razoamento de que custaba algún diñeiro. Mesmo asumindo unha boa xestión dos fondos públicos, é case imposíbel rexeitar con argumentos orzamentarios a cobertura dunha necesidade como esta, a menos que o argumento de fondo –político– camiñe pola senda do reaccionarismo ou do amor polo pasado de privilexios varonís.

O feito de considerar a crianza e mais o coidado familiar de todas as persoas un ben social e non o froito de certas capacidades familiares é un sinal de sociedade máis desenvolvida, máis evolucionada, máis separada do tradicionalismo arcaico e carpetovetónico; isto é, proprio dunha sociedade máis civilizada e xusta. Permanecer na idea de que as mulleres paridas ou parideiras teñen a responsabilidade de criar os seus fillos á marxe dos servizos que poda proporcionar a sociedade, non só é reaccionario senón moi pouco funcional no presente. Neste presente, en que se considera un dereito social o dereito a unha boa saúde, a unha boa educación proporcionada socialmente.

Unha época histórica onde os menos válidos teñen recoñecidos dereitos de integración social. Unha época na que non se pode perseguir ninguén pola súa relixión e mesmo se facilitan medios sociais, públicos, para o exercicio pacífico das distintas prácticas...

Certamente, os avances sociais prodúcense ás veces de forma moi lenta, outras parecen esvaírse en troques de se consolidar e noutras ocasións precisan de séculos para seren recoñecidos e permaneceren como logros colectivos sen discusión.

Parece que o camiño a percorrer polos dereitos das mulleres a se poderen determinar como persoas vaise ver retrasado socialmente polo xogo de intereses: uns claramente masculinos, quérese dicer machistas; outros, políticos, porque mentres se "vaia tirando" e non medre a mortalidade infantil non hai causa de preocupación, así descenda escandalosamente a natalidade por incomparecencia de mulleres xestantes; outros –os donos do capital– porque, se non están obrigados por lei a asumir os custos de permisos e substitucións, os recursos dedicados son menores e maiores os beneficios, e, finalmente, o rol das mulleres que funcionamos como se levaramos marcado con lume, no noso cerebro cultural, unha boa dose de submisión.

Comentarios