Opinión

Cousas que se din

HAI CERTAS frases que van de man en man porque serven pare encher momentos en que o mellor que se pode facer é pronuncialas: vas quedar ben e gastar moi pouco. Son expresións que saen soas, non tes nin que pensalas, é como si estiveses programado e, no momento xusto, se activase por defecto un programa mental consistente nun arquivo de sentencias que gozan de autonomía e saen pola boca sen que podas facer moito por impedilo. Son un xeito de resorte neuronal atávico que se forxa en milleiros de conversas e situacións sociais e que funcionan como a graxa nos mecanismos do diálogo.

Conviña darlles un repaso para deixar claros algúns puntos. Nada que non sexamos todos, pero é cando te miras no espello. Non está mal facelo de cando en vez, aínda que a sorpresa sexa pouca.

ÉCHE O QUE HAI - Esta frase ten de banda de son o tema La vida sigue igual de Julio Iglesias. Emprégase moito cando xa non te quedan argumentos sobre o tema do que se está a falar, cando non te estás a decatar do que se está a falar ou cando queres poñer fin á conversación. Neste caso despois dise: Chao, ou Ata logo. Se engades Marcho que teño que marchar, lo petas.

QUEDAMOS ASÍ ENTÓN - Traducción: non sei que foi o último que dixeches, pero teño que marchar, chao. É unha frase comodín, tanto que remata facendo funcións de saúdo de despedida. Ou sexa, dise en lugar de Chao, Adeus o Ata mañá. Dise aínda que non quedarades en nada ti e o teu interlocutor.

Son un xeito de resorte neuronal atávico que se forxa en milleiros de conversas e situacións sociais e que funcionan como a graxa nos mecanismos do diálogo

CANDO QUEIRAS - Traducción: ni se che ocorra. Dise cando alguén se autoconvida a probar un viño boísimo do que ti ves de gabarte porque cho regalou un parente que fai un viño caralludo; ou cando se autoconvida a visitar a túa nova piscina (incluíndo a inmersión nela) despois de que presumas dela un anaco mais da conta; ou cando se invita a calquera cousa a túa conta.

O QUE TI QUEIRAS - Úsase para dicir que non farás nin puñetero caso do que che está a contar o outro/a, que non ten nin a mais remota posibilidade de influír na túa vida ou nas túa escolla ou na túa opinión.

O QUE TI DIGAS - Úsase para dicir que, diga o que diga, ti vas dicir o contrario.

POR SUPOSTO - Que? Non sei o que queres dicir, nin sequera te escoitei e non penso pedir que mo repitas. Esta locución remata convertida nun retrouso que se repite nunha conversa para dicir que si, que estás a atender ao que fala o outro pero en realidade estás moi lonxe de alí, nun lugar mais fermoso, moito mellor acompañado e posiblemente cun chupiño de licor café diante.

QUE SÍ - Que non. Ti non as pensas. Nin de coña. Pero ti que dis.

XA CHO DICÍA EU - Traducción: mira que es parvo. É frase típica de vinganza. Anuncia de tres a cinco minutos, como mínimo, de reproches por non ter seguido o teu consello, advertencia ou indicación alguén que non se fiaba de ti, seguramente con razón, con moita razón, e que preferiu arriscarse a darche estes minutos antes que facerte caso.

ISO ESTÁ FEITO - Traducción: espera sentado. Dise cando un está acurralado e non queda mais remedio. É máis doado dicir isto que dar explicacións ou escusas ou explicacións que semellan escusas ou escusas que queren pasar por explicacións. En calquera caso, cando un escoita "iso está feito" xa se da por amolado.

MAÑA SEN FALTA - Traducción: tiroliro miña gaita. No lo verán tus ojos. Espera sentado. Para vir a xunta min... son incontables as expresións que traducen axeitadamente o significado desta socorrida fórmula para botar fóra balóns, tranquilizar a un cliente ou coñecido, a un acredor, a unha pobre vítima das circunstancias.

Comentarios