Opinión

Entre a beleza e o fascismo

SINTO QUE se denomine 'CasaPound' un partido neofascista con opcións de entrar no Parlamento italiano. Pareceríame terrible que o estadounidense Ezra Pound (1885-1972) puidese ser máis influínte hoxe como propagandista dunha ideoloxía perniciosa que como creador dunha poesía excelsa.

Durante as primeiras décadas do século pasado, vivindo xa en Europa —cuxa cultura amaba—, Pound alicerzou a estética da lírica moderna; dende a óptica conceptual e fragmentaria do imaxismo, despoxou o poema de todo elemento superfluo, e esa renovación conseguiuna tras estudar algunhas das tradicións máis fondas, como a grecolatina, a chinesa ou a provenzal. Dono dun temperamento demasiado visceral e, así mesmo, produto da confusión da súa época, Pound creu ver no fascismo un sólido modelo alternativo ó capitalismo, cuxa usura detestaba.

Deixou Francia por Italia, declarouse seguidor do tirano Mussolini (comparábao con Confucio) e, xa no curso da II Guerra Mundial, dirixiu acendidas arengas radiofónicas contra o seu propio país e mais os xudeus. Nos estertores da contenda, os seus compatriotas pechárono nunha das gaiolas dun centro de prisioneiros de Pisa, onde estivo seis meses exposto ás inclemencias do tempo; e despois, tras ser xulgado por alta traizón, internárono doce anos nun manicomio de Washington.

Salvárono de morrer fusilado diversas figuras culturais ó testificar —mentindo— que era un demente. É natural criticar ó home fascista e, simultaneamente, caer rendido ante a beleza do poeta… Como non lembrar, por exemplo, aquela soberana sentenza —tan vixente— dun dos seus Cantos: "Usura é un parasito". A min fascíname o sensitivo micropoema Papiro, que representa un fragmento (ficticio) de Safo: "Primavera… / Tanto tempo… / Gongula…". Velaí a concentración expresiva e a refinada cultura de Pound, quen —igual que faría con Atis— rescata a Gongula, unha das amadas da gran poetisa grega. Intertextual e visionaria, a lírica poundiana é o sementeiro de Eliot, outro vate esencial. Cómpre reivindicar tamén a clarividencia do Pound crítico; os seus consellos foron cruciais para que a dicción do lendario Yeats gañase en sobriedade.

Comentarios