viernes. 21.01.2022 |
El tiempo
viernes. 21.01.2022
El tiempo

Gansos cebados

NO ACTO SEGUNDO de Romeo e Xulieta, que se desenvolve na "fermosa Verona", en festiva conversa co seu amigo Mercucio, Romeo Montesco, o pretendente de Xulieta, afirma que "ganso cebado non morde". Ademais de formar parte da trama argumental do drama shakesperiano, as aplicacións son moi abondosas, sobre todo no relativo a aqueles nomeamentos de cuxa función inspectora, indagatoria e sancionadora, agárdanse rixidez e, mesmo, carácter esgrevio, calificativo que se acostumaba a confundir con egrexio, palabras parónimas pero que non teñen nada que ver, xa que a primeira alude a áspero e a segunda a exímio. Ben é certo que ambas e dúas propiedades, poden confluir na mesma persoa. Mais parece obvio que as referencias do dramaturgo inglés ás ánades, máis pousonas que lixeiras, fruto da desmedida inxesta, e contrarias ás "aves aquelas/de pico tamaño/que són retirarse/dos arduos traballos", que dixo o noso poeta nacional, ten moito que ver coa corrupción, cuxa casuística é tan abondosa como as especies volátiles que poboan o firmamento, que segundo lembranzas escolares tamén se chama ceo. Obviamente as enquisas sitúan a problemática da podremia, nos primeiros postos da clasificación de asuntos que inquedan á poboación, ainda que non é menos seguro que hai dados que contradin os laboriosos e custosos estudos demoscópicos. Ás veces hai quen alude aos paradoxais resultados electorais.

Quizais, a orixe do noso escepticismo non reside en teoria ou doutrina filosófica algunha, senón na percepción de certo fenómeno de comprensión perante determinados casos, pois constatados os inequívocos riscos de honradeza, rexístase unha tendencia a exclamacións non laudatorias, senon de pésame pola perda de oportunidades do ponto de vista persoal. As lamentacións van na compaña de calificacións de aparvado en comparanza co que se califica como denominador común.

Para atopar solucións, téñense feito numerosas pescudas e elaborado teorias da máis variada etioloxía. Os que habitan no niño das señardades do anterior rexime, residencian no novo todas as responsabilidades, como se non existise, poñamos por caso, o asunto reace, o sonado affaire do aceite de Redondela, dito sexa para non furgar nas sentinas mais arrepiantes do franquismo. E antes, durante a II República o estraperlo, un calote que deu orixe a un neoloxismo, e antes as simas da guerra de Marrocos, e antes unha riola de acontecimentos que remiten a explicacións atávicas. Enumeralas seria tan imposible como abranxer o oceano.

Pero se o orixinal e fraudulento xogo de azar, orixinou unha deriva semántica, para non ser menos, outro tanto sucedeu máis recentemente co uso de ventilador, xa que o aparello ademais de renovar o ar nos espazos pechados, alude hoxe a outras funcións, ainda que xa existian hai moito tempo, en categóricas expresións, as conscuencias que aparella na hipófise revolver na bosta, e moito máis se a ciscamos. Conectar o ventilador, ademais de recoñecer a propia excrecencia, significa fornecer de espellos aos alleos. Velaí.

Gansos cebados
Comentarios