Opinión

Gastos públicos dubidosos

ÁS VECES asistimos a declaracións de persoeiros públicos, máis ou menos famosos, e tamén máis ou menos interesantes, que declaran sen ningún tipo de reservas: "eu son apolítico". Poderíamos pasar un raseiro clasista e incluílos no grupo de ignorantes por escaseza de cultura ou por seguidores dunha moda iniciada nos concursos de beleza e nos campos de fútbol. En calquera dos dous casos parece perdoábel, contemplada desde esa especie de atalaia dos "cultos". Pero cando esa mesma frase sae da boca de alguén que por posición, cargo ou coñecemento con título, ten obriga de coñecer, o asunto xa se tinxe de gravidade. Unha cousa é que poida dicer non me interesa, non comprendo de que vai a vida en política, non me gostan os gobernantes que hai, que a miña opción aínda está por inventar..., e outra que se poida manifestar o carácter apolítico dunha persoa do xénero humano. Todos somos políticos na medida en que sendo humanos vivemos en sociedade. A sociedade é para o ser humano o seu hábitat natural. Non hai humanos sen sociedade, e a sociedade é gobernada por algúns en nome de todos e para todos, ou cando menos esa é a formulación de fondo da ética política. Polo tanto, goste ou non, sáibase ou non, estéase en contra ou a favor da maneira en que se dá a política no presente, todos somos políticos: uns conscientemente e con vontade activa, e outros pasivamente, mesmo crendo que o que non se pensa non existe.

Os asuntos dos grandes gastos de investimento afectan ao viver e ao futuro de todos os cidadáns

Os asuntos dos grandes gastos de investimento afectan ao viver e ao futuro de todos os cidadáns, son de interese colectivo, e o seu coñecemento, debate e control debería obedecer a criterios de solvencia en termos económicos e de sostenibilidade social. Todo investimento que requira un desembolso público a medio prazo e mais un mantemento ten relevancia para a vida dos presentes e dos futuros cidadáns. Así, por exemplo, se deciden facer unha estrada nova Lugo-Santiago facéndose eco das peticións localistas dos alcaldes dos concellos por onde discorría a vella estrada, estamos destinando fondos públicos a un uso sen valorar racionalmente un mellor emprego. Por exemplo, se o fin é comunicar Lugo con Santiago, constrúanse só os 50 km. que separan Lavacolla de Curtis até o enlace coa A6, coñecida autovía. É dicer, dobrar a actual estrada e convertela en autovía, ha significar menos desembolso que facer unha nova autovía de 102 km. E se o problema é que sobran os fondos porque nos acaba de tocar a lotaría pódese aproveitar para realizar o enlace Santiago-Curtis de ferrocarril, e temos polo mesmo prezo tres servizos en lugar de un: transporte por ferrocarril entre a capital de Galiza e Lugo, transporte de mercadorías por ferrocarril entre eses destinos, contribución á fluidez e seguridade da actual N-634 que soporta todo o tráfico de mercadorías Galiza-Donostia en dirección Franza (é o segundo fluxo de saída e entrada de mercadorías de toda Galiza) e, finalmente, Lugo-Santiago por autovía.

Comentarios