Miércoles. 18.07.2018 |
El tiempo
Miércoles. 18.07.2018
El tiempo

Mestras do espertar

A MESTRA ou mestre que a cada quen lle tocou cando era neno, cando daba os primeiros pasos para a adquisición de coñecemento, cando aprendía as letras, os números e o manexo do lapis para escribir o pouco que tería que escribir ao longo dos seus anos, foi probablemente unha das persoas máis importantes coas que se puido atopar na vida. A mestra proporcionaba aos homes do futuro coñecemento, interese pola reflexión e o pensamento, afán de traballo e educación, a arma máis poderosa e consistente para cambiar o mundo, segundo Nelson Mandela. Para cambialo sempre que sexa necesario e, se é preciso, con revolución previa.

Pasadomañá, varias mestras galegas, de Pontevedra, da Coruña, algunhas de Ourense e a maioría de Lugo, que comezaban a súa andaina profesional, nos anos sesenta e setenta, nas incomunicadas escolas unitarias da Lóuzara xabreira de Fiz Vergara Vilariño, no concello de Samos, preto, ao ladiño do Caurel dos tesos cumes de Uxío Novoneyra, volverán á Ponte de Lóuzara para recibir dos veciños unha homenaxe de recoñecemento e agradecemento polo seu traballo, pola súa xenerosidade, pola súa profesionalidade e porque foron, como tódalas mestras, máis importantes do que pensaban.

Foron, tan mozas como eran, o motor do desenvolvemento, as pioneiras na innovación e na transmisión de coñecemento, tan necesario e tan útil en todo o país e para tódalas xentes. A Galicia de mediados do século pasado era outra, nada ten que ver coa de hoxe, na que tamén se precisa compromiso, no ensino, na labranza, no eido da cultura, na industria, no emprego e no traballo, no sindicalismo e na política.

As mestras que comezaron o camiño seguen nel, dando razóns e argumentos, buscado alternativas e vías para que o cambio siga, xa que, como dicía Eduardo Galeano, "somos o que facemos para cambiar o que somos". Novas orientacións e novos rumbos son necesarios ou, diría máis, imprescindibles. Cambio sobre cambio para seguir avanzando, para que os traballadores cualificados que temos atopen traballo no seu e na súa terra, para que as avoas vexan aos netos seguir cordialmente a mesma liña que elas imaxinaban e debuxaban. En Lóuzara, farase un acto de xustiza loando o inxente traballo das mestras do espertar. Noraboa!

Mestras do espertar
Comentarios