Opinión

Modernidade, clásicos e Cataluña

TODO ESTE asunto do tema catalán está provocando miles de interpretacións, matices, verdades absolutas e mentiras piadosas. Sen dúbida, é un dos mellores escenarios experimentais para analizar e observar comportamentos sociais e políticos de toda índoles.

Estas leas identitarias e políticas non son nada novas, e no mundo houbo varias metodoloxías para enfrontarse a elas. Nalgúns momentos históricos estes asuntos solucionábase batalla a batalla e os territorios pasaban dun rei a outro despois de uns cantos miles de mortos, moita fame e moita pobreza xerada pola guerra. A cousa foi cambiando no século XIX, onde ademais das guerras apareceron outras variables industriais e económicas, que comezaban a xirar o centro do poder non tanto sobre a posesión de territorio, senón sobre a riqueza económica e financeira. Sen embargo, houbo un punto de inflexión importante na Grande Guerra do ano 1914, onde as batallas puntuais se converteron unha guerra global e onde se empezaban a marcar as tendencias filosóficas de cada unha das grandes nacións e estados.

Despois da Primeira Guerra aparece unha corrente filosófica que marcaría as metodoloxías de xestión política e social de todo o século XX. Era a chamada Escola de Frankfurt, onde se reflexionaba sobre economía, cultura, política e filosofía. Nacen autores como Habermas e Walter Benjamin que despois da segunda Guerra mundial establecen que o mecanismo de avance social parte do consenso e da colaboración. É nese contexto onde nacen grandes organismos internacionais, coma a ONU, e onde o mundo occidental decide non asumir grandes guerras e asumir as diferenzas a través do consenso. É no paradigma que marcou a recuperación europea da segunda metade do século XX no que se abandonaron as estratexias de castigo e devolución, propias do período entre guerras, e afondouse nas axudas aos derrotados. É o momento do Plan Marshall e de todo o modelo que logrou crear a actual Alemaña e Unión Europa.

Sen embargo, fronte a este modelo, houbo tamén clásicos do século XX que defenderon a confrontación como elemento fundamental da evolución social e política. É certo que as confrontacións non teñen que ser necesariamente belicosas, pero si debe haber modelos diferentes de ver o mundo que permitan activar os motores da modernidade. É a filosofía que sustenta a Guerra fría e a tensión permanente entre o comunismo e o capitalismo.

No caso de Cataluña, vólvese repetir o modelo. Ata o de agora todo se ía xestionado ao estilo de Frankfurt, con acordos, estatutos e leis varias. Sen embargo, nun momento dado e auspiciado pola nova política, decidiuse cambiar de paradigma da confrontación. Son dous xeitos de entender a modernidade e deberíamos ser conscientes de que en todo proceso de cambio, especialmente hostil, hai momentos de alta tensión que logo se reconducen a acordos máis ou menos favorables para todos. Só hai un perigo: que os puntos álxidos non dean ningún tipo de oportunidade para logo poder chegar a un acordo.

Comentarios