Lunes. 11.12.2017 |
El tiempo
Lunes. 11.12.2017
El tiempo

O cabalo Makelele / Xiros de luz

O cabalo Makelele

Era unha vez un cabalo que vivía no monte do Cabado e estaba só. Unha tarde encontrou unha manda de cabalos, preguntoulles se podía vivir con eles e a manda dixo que si.


Na primavera seguinte, o cabalo tivo un fillo e el e a nai chamáronlle Makelele. Era un cabaliño de cor negra e tiña unhas patas robustas e un peito forte.

Ao cabaliño gustáballe moito xogar no campo, pero chamáballe moito a atención que todos os anos un montón de xente baixaba os seus amigos do monte. Pero el nunca podía ir porque a súa nai agochábao. Canto máis pasaban os anos, máis curiosidade tiña por saber que facía a xente cos seus amigos.

Un ano polo mes de xullo, a xente subiu ao Cabado, que era onde estaba el, e meteuse nunha das mandas que collera a xente. Era toda unha aventura baixar polos montes ata unha aldea chamada Sabucedo.

Despois dun anaco camiñando, chegaron a un sitio descoñecido para el; era rectangular, cun gran muro de pedra, e alí encerráronos.

A xente non deixaba de mirar para eles e de gritar o seu nome: Makelele; el non entendía por que o chamaban, pero sentiuse orgulloso de que aquela xente o coñecese.

Empezou a exhibirse; nun descoido notou un vulto nas costas e unha presión moi grande que o empurraba cara ao chan.

Estando alí deitado notou unha sensación de fresco na súa cabeza e unha pequena picada que fixo que se atopase moito mellor. Pronto remataron e despois liberáronos ao monte.

A Makelele custoulle entender o que pasara naquela aldea, pero tiña claro que, mentres puidese, volvería sempre a ese sitio.

Julián Villar Sanmarín

Ceip do Foxo (A Estrada)


Xiros de luz

Ela soa no escenario. Aquela bailarina encandeaba o público con cada paso que daba. Tan grácil, tan delicada, que parecía ir deterse a cada segundo. Pero non. Alí seguía executando maxestosos pasos que deixaban o espectador ensimesmado, hipnotizado, coa boca aberta.

Ao principio parecera tímida, mais logo lograra unha desenvoltura cada vez maior. Agora, o escenario de madeira parecía tremer baixo os seus pés con eses saltos, voltas e reviravoltas, deslizándose desde o chan e elevándose no aire, con eses xiros hipnóticos e eses xogos de luces e sombras que realzaban a súa beleza, combinando pasos suaves con enérxicos saltos, de maneira que cando semellaba desaparecer, xurdía de novo, coma se do ave Fénix se tratase.

Pero todo o que empeza ten que rematar e a danzarina foi perdendo folgos e decaendo. Con toda a enerxía que mostrara un intre atrás resultaba difícil crer que murchase tan pronto e, tras un pequeno intento de rexurdir, a súa enerxía esgotouse. Todo o que quedou dela foi un tronco carbonizado na cheminea que antes fora o seu escenario.

Ao ver isto, o home que contemplaba o tronco arder fixo prender de novo a diminuta faísca que quedaba entre as cinzas e o lume volveu danzar, primeiro timidamente, logo con brío, enfeitizando o seu espectador coas súas máxicas piruetas.

Olalla Castrillo Sánchez (GAÑADORA NA CATEGORÍA DE SECUNDARIA)

Cpi Manuel Padín Truiteiro (Soutomaior)

O cabalo Makelele / Xiros de luz
Comentarios