Opinión

O comandante mandou a parar...

ESTABA EU escoitando, mentras non chegaban as 21 horas de onte, vellas cancións cubanas sin prestarlles moita atención a ningunha delas ata que, caprichosamente, o ordenador quixo que, dun xeito aleatorio, o cursor accionara de xeito automático unha canción de Carlos Puebla que os nados na segunda metade do século pasado seguro que coñecen ben: "Llegó el comandante y mandó a parar...".

Mirade como son as cousas que a casualidade fixo que cando escoitaba aquela estrofa que dicía: "Aquí pensaban seguir/ganando el ciento por ciento..." se me viñera aos miolos o resultado do referendo do 1-0 e que arroxaba un cómputo global do escrutinio que incluso superaba o 100% da participación confesada e, nese preciso instante, comenzou a soar o himno de España e, xusto coincidía co arranque do estribillo da canción con aquelo de: "Se acabó la diversión,/llegó el Comandante/y mandó a parar (Bis)" apareceu ante min, na pantalla da televisión, nada máis e nada menos que un barbudo, un auténtico comandante en xefe do Exército, pero non, non era Fidel si non El-Rei Filipe VI, que tamén lucía unha prominente barba e un tono de solemnidade que ben parecía o propio líder revolucionario cubano cando decidiu baixar de Serra Leona.

E efectivamente, aquel comandante, con barba, cun discurso serio, hierático, parecera querer dicir que desde o seu punto de vista tamén "mandou a parar", insinuando sucintamente que "se acabó la diversión", como si as manifestacións e as protestas en Cataluña foran unha auténtica festa ou unha algarabía irresponsable que foran finalizar porque alguén, a máxima autoridade do Estado, o mandase... Por sorte ou por desgraza non se pode convencer coa razón da forza senón coa forza da razón...

Aínda que pareza mentira, o que contei é certo, pero agora poñéndonos serios e adoptando o xesto de preocupación e mesura que debe caracterizar unha opinión sobre o asunto político máis importante dos últimos anos no noso país, teño que dicir que me sorprendeu a actitude do monarca polo que dixo e como o dixo e tamén me preocupou o que non dixo.

Teño que dicir que me sorprendeu a actitude do monarca polo que dixo e como o dixo e tamén me preocupou o que non dixo

Explícome: Para que o Rei Filipe VI, con tan só tres anos de reinato, saia nunha alocución desas características, en horario de máxima audiencia, ten que ser porque a declaración unilateral de independencia de Cataluña ten que estar nunha situación práctica de inevitabilidade. Máxime cando acusa ás "autoridades de Cataluña" (léase Govern da Generalitat) de deslealdade e de incumprimento dos preceptos legais, de faltar ao estado de dereito e de respaldar e auspiciar a fractura social no país.

Outro detalle significativo foi a ausencia total a un chamamento ao diálogo e renunciando deste xeito e públicamente ao seu papel constitucional como árbitro institucional precisamente para intervir en cuestións como as que agora nos atañen polo que me fai pensar en negros presaxios sobre os novos acontecementos que están por chegar nos vindeiros días.

A alocución do monarca, con esa determinación, esa acritude e casi enfado faime pensar tamén na chamada dos distintos líderes internacionais, comezando por Donald Trump e rematando en Macron ou Angela Merkel, sobre a necesidade de enviar unha mensaxe moi clara de que ninguén vai tolerar a independencia de Cataluña como primeira das numerosas pezas formadas polas nacións de Europa sin estado que agardan o resultado deste "procés" para ver si se poñen á cola para preguntar aquelo de "que hai do meu?" Neste impás atópanse Euskadi, Córcega e Cerdeña, Escocia, Padania, algún lander alemán, etc. que poderían converter a Europa dos 27 nun auténtico puzzle soberanista de inusitadas consecuencias.

Pero tamén botei en falla un respaldo directo e explícito ás forzas da orde e, por suposto, aos daminificados polas cargas policiais do domingo que deberían ter contado cunha man tendida desde a coroa como xesto de reconciliación ou mostra de humanidade ante un feito indesexado incluso polos propios autores dos feitos empeñados en dicir que o fixeron por mandato xudicial e ante a pasividade da "policía política" na que acabaron convertíndose, aos ollos dos seus compañeiros da Garda Civil e da Policía Nacional, os Mossos d’Esquadra.

Mentras El-Rei exhibiu un discurso encamiñado a desbotar calquera outra solución que non pase polo imperio da Lei, a volta á normalidde constitucional e a manter a unidade territorial de España, os partidos constitucionalistas seguen a tentar rendabilizar calquera rédito que poda deixar este desgarrador drama político entre algaradas, discusións sobre a conveniencia ou non de aplicar o artigo 155 da Constitución, o oportunismo de desgastar ao Goberno cunha moción de reprobación da vicepresidenta e o Parlamento europeo eríxese en escenario para acoller un debate sobre o tema antes incluso de que poda comparecer Mariano Rajoy no Congreso dos Deputados para dar unha amplia explicación aos representantes da cidadanía.

Dame a impresión de que alguén ten que dicirlles aos nosos políticos que si non son capaces de administrar os tempos, o tempo acabará por esgotarse para todos eles e, por desgraza, tamén para nós, ou non?

Comentarios