lunes. 22.07.2019 |
El tiempo
lunes. 22.07.2019
El tiempo

O meu carteiro

NESTA ÉPOCA gobernada pola tiranía da uniformidade, gusto de lembrar á xente máis auténtica que tratei, como Fino Valea, carteiro do noso Santiso de Abres natal (nas terras do Eo-Navia) durante moitos anos. Era un señor nobre, xeneroso e fiel ás súas paixóns. Desprazábase decotío en bicicleta, e facíao do mesmo xeito que falaba: sosegadamente. O seu oficio éralle propicio para cumprir, polo Nadal, os caprichos dos cativos que máis apreciaba, entre os cales eu me contaba; sei —pola súa filla Amparín— que Fino lía con moita atención as nosas cartas dirixidas ós Magos de Oriente: así se explica o seu acerto na elección dos obsequios para perfís infantís tan distintos, cando xa íamos algo grandiños. Cada seis de xaneiro, á mañanciña, o entrañable carteiro repartía eses agasallos, cun saco ás costas, polas nosas casas.

Só unha vez Fino me decepcionou un chisco, e isto dígoo cun sorriso. Debía de ter eu 7 anos, que por aquelas calendas empecei a alimentar a miña afección musical… Resulta que lles pedira ós Reis Magos unha casete coas cancións preferidas de meu, e ata indicara na carta os correspondentes títulos. É comprensible, dende logo, que o carteiro non satisfixese o meu devezo: ningunha discográfica recompilou aínda, nun mesmo volume, a maior parte daqueles temas, pertencentes a xéneros dispares —música latina, rock, baladas…— e a diversas décadas.

Lembro perfectamente unha tarde primaveral na que Fino chamou á emisora local (onde a miña nai exercía de locutora) para solicitar Eres tú, a composición de Juan Carlos Calderón popularizada por Mocedades. Foi aí cando descubrín que o meu amigo era admirador do grupo vasco… Estou a falar da mesma época (mediados dos 90) en que eu lles pedira ás Súas Maxestades de Oriente a utópica casete; e, por certo, non incluíra Eres tú —malia que me gustaba— naquela lista.

Mágoa que xa non poida preguntarlle a Fino —gloria haxa— se recorda os meus desexos musicais infantís; sería un pretexto para devolverlle o agarimo mediante unha fortísima aperta. Imaxino ó lacónico carteiro dicíndome cun sorriso: “Como che ían regalar os Reis Magos unha casete que non contivese a máxica canción de Mocedades? Tería sido pouco serio, ho!”. 

O meu carteiro
Comentarios