domingo. 08.12.2019 |
El tiempo
domingo. 08.12.2019
El tiempo

O mundo tamén se escribe en Excel

NESTAS VACACIÓNS preocupeime un pouco máis do debido da saída do Reino Unido da Unión Europea. Supoño que sería unha especie de terapia da tensión informativa de Cataluña, pero mordeume a curiosidade de saber como se fai un proceso de separación unha vez que é aprobado. Observei dúas cousas interesantes. A primeira é que existe unha importante vertixe á hora de plasmar en documentos as decisións máis ou menos emocionais dos cidadáns. O Brexit votouse nun día, pero agora hai que desenrolar miles de documentos para acordar como se fai a saída definitiva. No caso que nos ocupa, o Reino Unido asumiu un rol de vítima, curiosamente adoptando unha postura absolutamente pasiva en canto á formulación e activa en canto ao rexeitamento de todo o que lle chega desde a UE. Recoñezo que eu sospeitaba que nós, a Unión Europea, non iamos perdoar nin a mínima nas negociacións. Supoño que nalgún momento teremos que ceder nalgúns aspectos para que isto funcione, pero tampouco sería correcto aceptar as condicións do que se marcha simplemente para evitar confrontación.

O segundo que observei foi a estratexia do si pero non que se está facendo desde as illas británicas. Nesta última semana, o debate estivo en como se debe xestionar a fronteira entre Irlanda do Norte, territorio británico, e Irlanda, territorio da Unión Europea. Os ingleses defenden a idea de non modificar o sistema de tráfico de mercadorías e de persoas na illa irlandesa, apelando á tradición e ao prexuízo comercial que suporía a implantación de aranceis e controis de persoas en territorios que comparten moitos recursos en común. Como cabía esperar, a postura da UE é contraria a esta proposta, argumentando que o Brexit implica, necesariamente, unha ruptura co pasado e Irlanda non pode ser unha porta traseira para que o tránsito de mercadorías e persoas siga sendo como ata o de agora entre a UE e o Reino Unido.

Agora é cando comezan a aflorar os números. Ata o de agora falouse en linguaxe do Word, pero agora compre falar en linguaxe do Excel, e iso complica moito as cousas. Non é xa momento de mensaxes políticas nin de apelar a emocións individuais, coma o sentimento de patria, nin de verdades a medias, coma a historia do desequilibrio entre o dado e o recibido. Alí, no caso do Brexit, cómpre empezar a poñer os euros enriba da mesa, así como as normas que regulan un novo escenario de relación entre uns e outros en cuestións tan cotiás e tan importantes como ter que pasar unha fronteira para poder ir ver a un parente que vive a cinco quilómetros da casa, ou ter que pagar moito máis por produtos que veñen dun lado ou do outro. Coma en todos os divorcios, unha cousa son os sentimentos que o causan, e outra cousa moi distinta é estar sentado nunha mesa cun avogado ou un xuíz para falar de quen se queda co piso, ou o que é moito peor, da custodia dos fillos.

O espello do Brexit pode ser interesante para o que pasa en Cataluña e, ao mellor, convén empezar xa a pensar en Excel para acabar de convencernos de que as rupturas sempre xeran moita máis complexidade do que parece cando estamos emocionados polos discursos.

O mundo tamén se escribe en Excel
Comentarios