lunes. 21.09.2020 |
El tiempo
lunes. 21.09.2020
El tiempo

O último, o camión da mudanza

AS CIDADES vanse formando día a día a base de pequenas novidades. Unha familia que se muda de casa, un estudante que chega novo para pasar uns anos, unha árbore nova na alameda ou a inauguración dun paseo fluvial. Sen embargo, hai días nos que o cambio é radical aínda que fose unha morte anunciada.

Hai preto dun mes pechou o convento de Santa Clara. Din as crónicas deste xornal que estaba habitado por dúas monxas que levaban varias décadas entre os muros dun dos poucos edificios que se salvaron da desamortización e que está situado a medio camiño entre as dúas xoias de Pontevedra: a zona vella e o río Lérez. Sor Sagrario e Sor Purificación non lograron vencer ao excel e a súa xefa en Santiago de Compostela comprobou que resultaba insostible manter toda unha infraestrutura de 700 anos en beneficio de só dúas mulleres, por moito que lle dedicaran toda a súa vida á orde relixiosa.

No cálculo seguro que tiveron en conta varios aspectos. Os mundanos, coma o gasto de electricidade, auga e o mantemento. Pero tamén os espirituais, como a desaparición da vocación entre as mozas que desexan dedicarlle toda a súa vida ao servizo de Deus e da Igrexa. Xa non son os tempos de hai cincuenta anos nos que as familias desexaban fervorosamente ter a unha filla de Cristo entre os seus. Tampouco son os tempos nos que miles de fieis se xuntaban relixiosamente na misa das 12 dos domingos.

Todo ese escenario cambiou e a Igrexa Católica, especialmente a europea, non foi capaz de modificar o rumbo para adaptarse aos cambios. É certo que existen excepcións ben curiosas, coma o Convento de Lerma, onde o problema é a capacidade para acoller ás máis de 200 mozas que decidiron ser monxas da orde Iessu Communio. Iso si, co hábito feito con tela vaqueira e cantando melodías que perfectamente poderían optar a premio en Operación Triunfo.

En Pontevedra non pasou isto. Na rúa Santa Clara só había unha igrexa pequena e algo triste, quizais pola soidade, da que só nos acordabamos a semana antes do noso casamento para levarlle unha ducia de ovos. Xa non había nais petando na porta para que acolleran á nena nin pais esperando fóra, agarrados a un pitillo que sabía a despedida dunha filla. E tampouco había familias dispostas a deixar parte do seu patrimonio en beneficio dos bens relixiosos. E nin tan sequera había nenos na misa do domingo.

Era unha morte anunciada abalada polos números, pero que realmente agochaba un cambio de modelo na xestión da fe que está afectando a todo occidente. Sor Sagrario e Sor Purificación marcharon en taxi para facer o camiño sen retorno a Santiago de Compostela e puxeron fin a unha historia que empezou hai sete séculos ao carón do camiño Castilla e que foi fundamental para construír a Pontevedra que hoxe coñecemos. Aínda así, o convento non desaparecerá de todo ata que marche o último camión da mudanza.

O último, o camión da mudanza
Comentarios