lunes. 20.01.2020 |
El tiempo
lunes. 20.01.2020
El tiempo

Os puntos de inflexión

EN TODA transición e cambio existen momentos concretos que marcan un antes e un despois en todo o proceso. No cine sábeno ben, e por iso se crearon os famosos climax e anticlimax, que non son máis que situacións de máxima tensión que provocan ou ben un xiro á historia, ou ben unha consecución do obxectivo despois de moito loitar.

Isto, que xa ven desde os clásicos gregos e romanos, é unha técnica narrativa inspirada na vida mesma. A pouco que observemos os grandes acontecementos históricos, sempre pasa algo concreto que anuncia o éxito ou o fracaso.

No caso catalán, nesta fin de semana houbo un deses instantes decisivos e quizais é o que que vai determinar o éxito ou o fracaso do proceso de independencia. Onte, os dous principais bancos de Cataluña que están entre os cinco máis importantes de España, anunciaron a súa marcha fiscal de Cataluña. Son dúas entidades cunha marcada identidade catalá: un chámase Banco Sabadell, que naceu na cidade do mesmo nome e que é unha das máis importantes de Cataluña, e a outra chámase CaixaBank, herdeira da Caixa d’Estalvis i Pensions de Barcelona, creada nun primeiro momento para satisfacer as necesidades da burguesía catalá e que pouco a pouco se converteu nun banco de referencia europea.

Durante estas semanas todo se movía no ámbito político. Bronca no parlamento un día, declaracións apocalípticas outro, e un sen fin de pequenos sucesos que nos daban a todos a sensación de caos. Ben é certo que o domingo pasado a situación tivo un cambio de ritmo coa intervención dos antidisturbios e os centos de feridos, pero todo parecía seguir conforme ao previsto. A actuación dos corpos e forzas de seguridade do estado serviron para que uns reforzasen a súa idea de pobo oprimido e inxustamente tratado, e para que outros comprobasen que cando o estado ten que actuar contundentemente, tamén sabe facelo.

Sen embargo, o climax non violento máis intenso é o que se produciu coa marcha, máis ou menos simbólica, das empresas encargadas dos aforros dos cataláns. O Sabadell e caixaBank tomaron a decisión de superar a visión cardíaca do problema e decidiron pasarse ao mundo do cerebro. Seguro que todos botaron as súas contas e simularon os pros e os contras de manterse nunha zona inestable politicamente. E chegaron a unha conclusión: non se poden arriscar a estar nun mal sitio nun mal momento. Probablemente cando se acabe todo este asunto, para ben ou para mal, os consellos de administración decidan volver ao lugar de orixe, pero namentres andamos todos pelexa tras pelexa, eles prefiren mirar desde a barreira. Sen dúbida é unha decisión prudente ante un escenario inestable e imprevisible, e como di o refrán catalán la pela, es la pela.

Recordo o que pasou en todas as revolucións recentes. En maio do 68, París estaba a piques de sucumbir ante as revoltas estudantís e obreiras, ata que De Gaulle anunciou o apoio do exército ao estado. Na caída da Alemaña Oriental, todo apuntaba a unha loita gravísima ata que se abriu o muro de Berlín e foron todos acollidos pola Alemaña Occidental. Agora, parece que o cambio ben da man dos empresarios, que sempre foron a alma da sociedade catalá.

Os puntos de inflexión
Comentarios