Opinión

Tan gordos. Tan delgados

AO FINAL, a raíña tonta tiña razón: "Se non teñen pan, que coman pasteis". A súa frivolidade en tempos de frío, guerras e fame alentou a axitación no inicio da Revolución Francesa, da que só recordamos, naquelas solemnes aulas do bacharelato, o da liberté égalité e fraternité, credo abondo para camiñar pola vida.

Desde os xardíns e as luces de Versalles era imposible albiscar aos famentos. Eras tempos de guerras e crisis de fame na Pequena Idade do Xeo en Europa. Acabaría daquela maneira, coa real cabeza no cesto da guillotina.

Agora fame e obesidade non son caras distintas da pobreza, son a mesma cara da malnutrición. A pobreza implica falta de comida para os máis fráxiles. Pero agora pobreza e desigualdade tamén está detrás da mala nutrición dos obesos. Resulta que froitas, verduras e alimentos saudables son moi caros e que a comida lixo enche os carros dos pobres no súper e no híper. O carro con comida saudable é inasumible para os pobres. Poden enchelo, si, de hamburguesas pizzas, bebidas con moito azucre e burbullas, fritos, graxas baratas, comida lixo.

A OMS advirte que hai no mundo 124 millóns de menores obesos. A eles haberá que engadir outros cen con sobrepeso, gordos. E calcula que para 2022 o mundo cargará con máis nenas e nenos obesos que desnutridos. Todos son vítimas dunha mala nutrición. Agora mesmo a balanza da malnutrición está equilibrada: 213 millóns de nenos obesos e con sobrepeso, 192 millóns de desnutridos.

Se alguén poidera unir de novo a cabeza guillotinada co corpo, a raíña Mª Antonieta vería algo abraiante: os pobres énchense de pasteis. Os pobres son moi gordos e os ricos están delgados: velaí hoxe os corpos e as caras máis visibles da desigualdade. Da riqueza e da pobreza, da cultura e da ignorancia, da boa e da mala alimentación.

E resulta que os obesos, que abanean a malnutrición polas rúas, son unha bomba de reloxería con enfermidades que fan tolear o sistema endocrino. Ao final, serán difícilmente asumibles pola sanidade pública. Por desgraza España, o país da dieta mediterránea, e Galicia, o país da saudable dieta atlántica, tamén se apuntan con entusiasmo suicida a esta tendencia. E presentan as taxas máis altas no aumento da obesidade.

O problema vai a máis porque tamén vai a máis a falta de tempo familiar, a xibarización dos soldos. En desigualdade estamos no penúltimo lugar da OCDE. E coma sempre, son os benditos colexios públicos os que fan os deberes das familias ocupándose da boa, saudable e variada alimentación dos fillos. Os comedores escolares son escolas de saúde capaces de mellorar a dieta e garantir a presenza diaria de froita e verdura na mesa de nenas e nenos. Nenos e nenas delgados. Os obesos deixaron de comer pan: énchense de pasteis.

Comentarios