Opinión

Uso dos fondos públicos

O MINISTRO de Facenda declarou que se está no proceso de recuperar unha parte dos fondos dedicados ao rescate bancario. En 2012, díxose que, dos 56.865 millóns de euros destinados a entidades de servizos financeiros, de non recebelos, quebrarían provocando un crac total na economía española. Tamén se dixo, até a saciedade, que eran fondos recuperábeis, que non ían supoñer nengunha carga adicional no público xa que estaba prevista a súa recuperación total. As declaracións do Sr. Ministro, a semana pasada, saían ao paso do último informe do Banco de España no que se valoraba en perto do 80% deses fondos como irrecuperábeis. Como a cifra e a valoración do Banco de España resultaron escandalosas até para o público en xeral, o Sr. Montoro viuse na necesidade de realizar unha declaración á prensa na que entre outras lindezas di que a valoración do Banco de España (lembremos noutrora no Parnaso dos emisores de informes) é unha como calquera outra (para min que os ninguneou) e que dada a labilidade da estimación el tamén pode dicer que se vai recuperar moita máis cantidade. Non aclarou canto, nen as previsións que hai nen se o informe do Banco de España é una opinión desbotábel enfronte ás súas cifras amparadas nun plan de recuperación... É dicer, para alén de falar e crear un titular de prensa pouco tranquilizador, non fixo nada.

Á parte dos 56.865 millóns de euros (para comparar, aproximadamente a quinta parte do Orzamento do Estado Español nun ano) o Estado avalou en 2012, seguindo a pauta do goberno PSOE, 100.000 millóns de euros, destinados a garantir os vencementos de débeda de grandes bancos dos considerados sistémicos (non rescatados nen rescatábeis); así, o Banco Santander tiña dificuldades por vencementos de débeda de 36.078 millóns de euros, e entre Bankia, BBVA, CAM e Popular cerca de 40.000 millóns. Se lle engadimos as necesidades de aval para Pastor, Caixabank, Catalunya Caixa, Sabadell e Bankinter, aproximámonos a 94.000 millóns de necesidades de avais por vencementos coñecidos nese ano e que precisaron continuidade. Ademais, o Estado aportou ao mecanismo europeo (da zona euro) coñecido como Facilidade Europea de Estabilidade Financeira outros 100.000 millóns de euros. É dicer, o Estado está seriamente comprometido co mantemento da banca, que debe ser —din— a base da nosa vida; por iso hai que aguantar dela, aínda a custa dalgunha vida de menor valor sistémico.

O asunto é da maior importancia para os cidadáns, en concreto para os galegos, xa que vivimos na cima da onda que mece en temas orzamentarios o goberno do Estado: quer dicer, o grau de autonomía financeira que se exerce na Galiza é fillo da aplicación dun Estatuto de Autonomía digamos pouco autónomo economicamente falando. Tanto a letra como as aplicacións do citado Estatuto deron de si, ao longo dos anos de Estado Autonómico, cada vez menos autonomía, polo que o goberno autonómico á hora de abordar os seus orzamentos e previsións de gasto haberá de contar non só coa súa economía senón con cobrir as necesidades españolas (Continuará).

Comentarios