Opinión

Votos vs. fouces

ESTAMOS ASISTINDO en Europa a cambios políticos importantes aos que moitos de nós non estamos dando, se cadra, a importancia que teñen; mais aínda, semella que non nos decatamos da súa transcendencia de cara ao futuro, futuro que parecen anunciar, cando menos, difícil.

O nacionalismo xenófobo inglés conseguiu sacar ao Reino Unido do proxecto común europeo, o nacionalismo xenófobo francés pretende o mesmo e conta, dende fai tempo, cun importante apoio da poboación, o nacionalismo xenófobo austríaco estivo a piques de gañar as últimas eleccións presidenciais nese país, o nacionalismo xenófobo holandés meteunos, recentemente o medo no corpo a moitos, o nacionalismo xenófobo imponse, igualmente, en Polonia, Hungría e outros países da súa contorna, pero o que máis nos preocupa a algúns, son os noventa e cinco deputados que o nacionalismo xenófobo alemán acadou nas últimas eleccións nese país, situándose, ademais, como primeira forza política no estado de Saxonia con preto do trinta por cento dos votos.

Os partidos tradicionais de Alemaña (CDU—CSU e SPD) sufriron unha verdadeira debacle que os sitúa en parámetros descoñecidos na historia recente dese país, acontecemento que resulta contraditorio co presunto e moi louvado benestar económico que os medios de comunicación nos presentan como paradigmático. Pola contra, segundo as análises oficiais, semella que a causa destes resultados reside na animadversión xerada pola abondosa chegada de refuxiados procedentes de países musulmáns habendo quen cualifica esa reacción xenófoba como 'islamofobia'.

Fagamos un pouco de historia, fai cen anos millóns de rapaces matábanse, asañadamente, nos teatros —maioritariamente trincheiras— de guerra por Europa adiante no primeiro acto dun enfrontamento que, vinte anos mais tarde, se reproduciría e conduciría ao mundo a mais sangue, dor e destrución do que se pensaba que os seres humanos fosen que de producirse a sí mesmos. Como consecuencia da primeira guerra mundial Europa quedou empobrecida e Alemaña, ademais, tivo que pagar enormes compensacións económicas aos países vencedores que estes impuxeron no Tratado de Versalles. En Alemaña tivo, tamén, moita repercusión o crash de 1929 facendo que o malestar económico fose moi forte e dando lugar a intentos revolucionarios fronte aos que os poderes económicos acabaron financiando ao pequeno grupo de Hitler o NSDAP que se caracterizaba polas súas accións violentas contra os partidarios dunha revolución socialista e que finalmente, co mencionado apoio, acadou a ser o partido máis votado en dúas eleccións consecutivas.

A deriva cara posicións que ameazan a convivencia está sendo interpretada con diversos enfoques pero parece evidente que antes e agora o factor económico resulta determinante. Poñamos un exemplo, en Londres hai rapaces españois que traballan de balde —literalmente— porque entenden que así poden perfeccionar os seus coñecementos do idioma inglés, circunstancia que lles vai supoñer unha importante mellora no seu currículo, como cremos nós que van interpretar esta competencia desleal os parados ou infraasalariados traballadores británicos? Se no Reino Unido existise benestar económico tería lugar a mesma reacción? Se non existisen masas famentas na Alemaña de 1930, gañaría as eleccións o NSDAP? Se os cidadáns de Saxonia tivesen unha boa posición económica serían islamófobos coa mesma intensidade que o son agora? A extensión da globalización en forma de liberalismo económico está dando un golpe importante as chamadas —para entendernos— clases medias, ocasionando polo tanto un incremento da diverxencia social onde unha minoría se enriquece extraordinariamente, mentres que a maioría se empobrece. Neste contexto, impóñense as perspectivas maniqueas e resulta difícil a resolución dialogada e pacífica dos conflitos —véxase Cataluña—.

Podemos reproducir os enfrontamentos de fai cen anos xa que non hai nada que nolo impida —enganámonos se pensamos que somos mais intelixentes ou mellores que os nosos avós—, ou podemos aprender dos erros que temos cometido para non repetilos. Dispoñemos dunha ferramenta mais poderosa que todas as bombas atómicas, o voto, para cambiar a realidade económica e social en beneficio do conxunto da cidadanía, ou podemos pechar os ollos ante os feitos que parecen impoñerse. Se cadra, cando os abramos, xa só nos quedarán as fouces.

Comentarios