Opinión

Filosofía e compromiso político

ESTAR INFORMADOS ou crer que se está axuda a enfrontarse psicoloxicamente ás crises. O confinamento acentuou o decisivo papel dos medios que, con oportunismo, iniciaron unha carreira para atraer clientes a base de vender unha dubidosa vocación de servizo público. Unha vez máis, as liñas que delimitan información, opinión, espectáculo e manipulación volvéronse cada vez máis difusas.

Infinidade de 'expertos' (palabra máxica para esconxurar o medo) desfilaron polos medios. Virólogos, epidemiólogos, biólogos e investigadores varios, pasaron do desprezo á veneración, a pesar de que o descoñecemento do virus só lles permitía aproximarse en forma de hipóteses. A ignorancia maioritaria do proceder científico e a necesidade de agarrarse a algo confluíron para ganar adeptos.

Algún iluminado pensou que levar filósofos ós medios engadiría a nota exótica que faltaba. Certos 'profesionais' da filosofía pasaron polos medios sen saber en calidade de que. Se o descoñecemento da ciencia é grande, o da filosofía é maior e os prexuízos que a desfiguran, innumerables. Porén, a maioría desperdiciou a ocasión de valorizar a disciplina, adoptando unha postura aséptica, pretendidamente equidistante e, xa que logo, superficial. O que aportaron foi mínimo comparado coas ciencias, soando a oficialismo, probablemente pactado, sen risco intelectual para non molestar a ninguén. Xusto a antítese da función social da filosofía.

A tendencia á sabedoría, etimoloxía de filosofía, supón recoller as achegas da ciencia, coa que comparte a busca da verdade e o rexeitamento do dogmatismo, para ofrecer unha visión holística da realidade, máis alá da especialización científica. Intenta encontrar, desde a racionalidade, un sentido á vida na procura da emancipación persoal no conxunto da de toda a humanidade. Nisto radica o compromiso moral e social e a ineludible responsabilidade consubstanciais á filosofía.

O compromiso moral esixe un marco sociopolítico onde as persoas interactúan, unha realidade dinámica e histórica na que desenvolver a acción filosófica. Sen partir desa realidade o pensamento devén en idealismo improdutivo e deixa de ser propiamente filosófico.

Entón, se o marco social no que vivimos é asimétrico e cada vez máis desigual non cabe a equidistancia, o falso neutralismo, sen renunciar á base moral que sostén á filosofía. É necesario desbrozar o camiño de prexuízos, tabús, eufemismos e mentiras para interpretar correctamente as razóns da inxustiza social e actuar para superala. Limitar a filosofía ó plano teórico por oposición ó práctico da ciencia e a tecnoloxía, en base a un criterio de utilidade, constitúe unha falacia interesada que a propia filosofía ten que desmontar. O acto libre de pensar en sentido pleno que supón filosofar implica un obxectivo práctico, incorpora a acción ó fundamento teórico.

A herdanza filosófica interesa na medida na que axude a crear espazos de pensamento libre e crítico nun mundo real que compartimos nun momento histórico concreto todos os seres humanos. O demais supón un refuxio para quen practica o narcisismo e goza coa necrolatría filosófica, a erudición académica baleira e o diletantismo estéril, inocuos para o poder e alimento de prexuízos cara á disciplina. Aos que circulen por esta vía seguirán levándoos aos medios porque a súa actitude facilita a desactivación do potencial liberador da filosofía. Os que desvelen a cruel realidade que o poder trata de ocultar serán vetados.

A acción filosófica orientarase a desmontar calquera andamiaxe alienante, tecendo unha utopía realizable que nos faga libres nunha sociedade xusta

Non hai filosofía posible sen crítica radical do poder porque este sempre se exerce sobre alguén que o sofre. A crise agudizou, se cabe, disfuncións sociais tales como a acentuación da vulnerabilidade, a chantaxe da elite económica, que privatiza ata o aire que respiramos, para que o estado lle manteña as ganancias millonarias, as denigrantes condicións de vida dos inmigrantes, o intento perverso de vender o teletraballo para ganar autonomía e solucionar a conciliación familiar ou o individualismo que pon en entredito a ilusoria solidariedade proclamada. Ata aproveitaron a pandemia para urdir un plan que trazara unha imposible separación entre o rei actual e o anterior no enésimo episodio de consentida opacidade da inxustificable monarquía.

Así, a acción filosófica orientarase a desmontar calquera andamiaxe alienante, tecendo dende a sociedade civil unha alternativa emancipadora real, unha utopía realizable, que nos faga libres nunha sociedade xusta. O demais, puro artificio.

Comentarios