Blog | O voo da curuxa

Repensar a democracia

NAS ÚLTIMAS décadas, a palabra democracia, tornouse nun concepto inerte e nun tótem incuestionable e intocable, como diría o profesor de Harvard Dani Rodrik. Despois de anos de políticas neoliberais nos que a democracia se ha reducido á liberdade de elección e ao libre mercado, as institucións e os réximes democráticos cambaléanse, perdendo o seu sentido. Esta foi utilizada durante anos ao servizo de fins economicistas convertendo o que debería ser un fin en si mesmo en tan só un medio. Porén, co xurdimento de novos movementos sociais e políticos reivindicativos dunha nova democracia participativa, a palabra parece tomar forma de novo, moldeándose e construíndose á vez que a cidadanía (Marcos Roitman).

Sobre a democracia, precisamente, reflexiona o libro publicado polo selo editorial ObenComún -selo editorial de Espazo, colectivo de intervención política e cultural-, titulado (Re)Pensar a democracia, libro que se presentará o 29 de xuño na librería Trama de Lugo. Como se di no limiar, o libro está pensado para achegar reflexións sobre a democracia, a radicalidade e os seus límites. Neste volume abórdase, ademais da razón filosófica (Juan C. González Naveiro) as seguintes razóns políticas: o proceso constituínte e a construción dunha nova democracia máis radical (Xoán Hermida), o rescate efectivo da democracia desde abaixo, desde os concellos (Laia Ortiz e Sergio de Maya); a pobreza global e as alternativas de contido feminista e postcolonial (Teresa Cunha); e para finalizar, a modo de epílogo, dos dereitos -e tamén das obrigacións- da cidadanía, nomeadamente do dereito á cidade como extensión do dereito á felicidade (Luís Villares).

Non podemos deixar de entender a democracia como un proxecto que se constrúe desde a cotidianeidade. O seu avance dependerá da súa práctica real e da xeración dunha verdadeira cultura democrática. Repensar a democracia pasa pola imperiosa necesidade de realizar unha análise profunda da sociedade na que vivimos e que queremos priorizar, por revisar os nosos valores e os nosos ideais entendendo que o camiño é difícil e está infestado de fortes resistencias e obstáculos que dificultan a súa mellora. Nas nosas mans queda se queremos unha democracia transformadora ou unha democracia que xere e reproduza fortes desigualdades.

Elías Pérez Sánchez
Grupo Doxa de Filosofía

Comentarios