martes. 19.10.2021 |
El tiempo
martes. 19.10.2021
El tiempo

Tamara de Antioaquía

RELEO ESTA nota que escribín o ano pasado: “Jean Seberg, Anna Karina, Jeanne Moreau e Claude Jade, coas súas correspondentes personaxes cinematográficas —semellantes a elas— para Godard ou Truffaut. Case sería inxusto afirmar que as rapazas da Nouvelle Vague son doutra época, malia que se enmarquen nos 60; hoxe, coa frivolidade e a usura imperantes, diría que esas criaturas tan apaixonadas son doutra dimensión”. Así de grande é a distancia, pensaba eu, sabedor, iso si, de que en Occidente aínda queda unha minoría —falo tanto de mulleres como de homes— que valora a combinación de delicadeza e rebeldía, unha das peculiaridades da citada corrente cinematográfica. Pois ben, entre esa minoría exquisita atópase a miña amiga xeracional Tamara Andrés. Nunha ocasión, tras ler un poema de meu, a escritora combarrense díxome esta sutileza: “Cada vez que pronuncias un nome de muller, vexo unha musa de Truffaut”. E eu téñolle comentado a Tamara que ela é a última moza da Nouvelle Vague…

Galaxia vén de publicar —na colección Dombate— o segundo poemario en solitario de Tamara Andrés, Corpo de Antiochia, un océano de beleza crítica e introspectiva. Aquí a autora das Rías Baixas construíu múltiples significados dende unha expresión concisa, chegando así á medula da lírica. Como dixen no limiar do libro, Antioquía non só é contexto, senón tamén símbolo ideal da devastación (e da reconstrucción) emocional; lembremos que, ó longo da Historia, a cidade turca —esplendorosa no mundo grecolatino— rexurdiu en diversas ocasións, vítima dos terremotos e mesmo de terribles asedios. 

Tamara Andrés non é a protagonista do seu libro, mais, como sempre ocorre na lírica xenuína, a personaxe contén abondos trazos da persoa creadora: é por iso (tamén polas melodiosas aliteracións) que denominei Tamara de Antioquía, no prólogo, ó ‘eu’ poético. Ambas mozas son lizgairas, tenras, valentes, sensoriais…, e reconcilian a pureza coa memoria. Sempre as verei dispostas para o amor na antiga Antioquía, no París dos 60 ou —como lenitivo— nesta sociedade embrutecida.

Tamara de Antioaquía
Comentarios
ç