Opinión

Badaladas de 2026

O 2016 sorprendeume cun Juan Pardo psicodélico saíndo do bombo dunha batería e coas uvas sen preparar. Non se me ocorre mellor forma de darlle a benvida ao ano: apelando á nostalxia, como procede nestas datas, e ao tempo mandando as convencións sociais a fritir grelos, un propósito de Aninovo como outro calquera.

É inevitable vendo Cachitos de hierro y cromo viaxar ao futuro e pensar como será dentro dunha década ese programa saído das entrañas dos arquivos de TVE, cando teña que recordar a música dos albores de século. Xa nos vexo recibindo o 2026 berrándolles aos nosos pais, para entón uns entrañables avoíños, iso de "si necesitas reggaeton, dale" e recordándolles que, por suposto, "a ella le gusta la gasolina, dale más gasolina", aínda que para entón a gasolina soaranos a algo tan vetusto como hoxe nos soa a defunta peseta, porque o petróleo estará esgotado, evidentemente. En resumo, as badaladas de 2026 serán unha auténtica gozadera, entre lembranzas de mulleres seminúas bailando despendoladas enriba de coches tuneados con exquisito gusto e indubidable decoro.

Comentarios