Opinión

Frenesí no whatsapp

É PROBABLE que neste momento ultratecnolóxico da humanidade teñamos máis grupos de whatsapp colapsándonos o teléfono que amigos dispostos a compartir un café. Grupos de despedidas de solteir@, de compañeir@s de traballo, de amig@s de aquí e de acolá. Grupos de excursións de domingueiro ou de paparotas pasadas e vindeiras. Grupos de ciclistas esporádicos ou de exfutbolistas que hai tempo se deberon retirar pero que seguen organizando pachangas para cerciorarse con periodicidade semanal de que, efectivamente, están acabados. Hainos que levan por título expresións tan clarificadoras como 'farra' ou 'ludopatía'. Outros xa os temos silenciados. E menos mal, porque a vida se converteu nese breve espazo de tempo que nos queda entre contestar un whatsapp e outro. E ¡pobre! se non o fas con premura. Maldirán de ti os interlocutores, cos ollos desorbitados, sedentos de emoticonos que non chegan, mentres, coma ti, apuran sós na barra dun bar o último sorbo dun café.

Comentarios