Opinión

O tamaño si importa

POR SORTE, a operación Pokemon non chegou a Xunqueira de Espadañedo. Sería, con perdón, unha gran putada para os xornalistas. Por unha simple cuestión de dimensións toponímicas preferimos que as cousas sucedan en lugares como Zas, Pol ou Oia. Facilita moito a confección de titulares no acoutado espazo que nos deixan os maquetadores. Precisamente por iso ás veces inventamos, desprovistos de todo pudor, alcumes que serían totalmente ridículos de non ser porque se volven absolutamente necesarios. Ramiro Cerón Jaramillo, o home cuxos restos biolóxicos apareceron na camiseta da falecida Asunta Basterra, pasará á historia como 'o home do seme'. E menos mal que a ninguén se lle ocorreu bautizalo como 'esperman', máis curto e con reminiscencias a superheroe da Marvel, pero aínda de peor gusto. En calquera caso, por estes lares non podemos queixarnos; peor o deben pasar os colegas tailandeses. A nomenclatura tradicional da súa capital é Amonrattanakosin Mahintharayutthaya Mahadilokphop Noppharatratchathaniburirom Udomratchaniwetmahasathan Amonphimanawatansathit Sakkathattiyawitsanukamprasit. Supoño que sería un xornalista desesperado ante un titular imposible o que decidiu chamarlle Bangkok.

Comentarios