Opinión

Pep e a paternidade

O REGRESO de Guardiola ao Camp Nou foron varios partidos nun. Ademais da batalla interior de sentimentos que libraron o propio Pep, enfrontado aos seus recordos, e os afeccionados culés, no seu eterno agradecemento ao de Sampedor, no templo blaugrana xogábase o primeiro asalto a unha final da Champions, nada menos, pero tamén a paternidade do mellor Barça de todos os tempos. O rebelde Messi e o estricto Guardiola, que acabaran de unllas, reivindicaban a patria potestade dese equipo glorioso. O de Rosario, xa sen Puyol nin Valdés como escudeiros e con Xavi e Iniesta no ocaso, demostrou que o Barça é el rodeado de bos xogadores, apelídense Ibrahimovic ou Suárez, Abidal ou Alba. Ninguén máis está en posesión desa maxia innata que lle permite converter a Boateng nun espantallo. Pero Pep, sendo xustos, chegou á cita á que sempre temeu sen as súas mellores armas. ¿Que pasaría se ao Barça lle faltasen, como ao Bayern, catro dos seus mellores homes? O xuízo pola paternidade foi desigual.

Comentarios