Opinión

Un borracho indignado

"¡COMO DEMO lle puido votar tanta xente a Rubalcaba!¡Que alguén mo explique!¡A Rubalcaba!", interpelaba unha e outra vez un tipo duns cincuenta e tantos anos aos catro paisanos que se entregaban o domingo á tarde nun bar a unha ata entón pracenteira partida de tute. Estaba considerablemente alporizado. Talvez influísen os viños de máis que levaba, pois el mesmo se encargaba de repetir, no pouco espazo que lle quedaba entre exabrupto e exabrupto ao exministro, exdeputado, exportavoz do Goberno e exlíder socialista, que viña de gozar dunha paparota. Chegou un momento no que un dos xogadores non puido aguantar máis o seu retrouso e díxolle que Rubalcaba non se presentara ás últimas eleccións, ás do 24-M, que a ver se calaba dunha vez e os deixaba seguir a partida en paz. E o tipo, circunspecto por un intre, admitiu o erro: "¡Montoro! ¡Quería dicir Montoro! ¡Como lle puido votar tanta xente a Montoro!". Quizais o indignado borracho non estivese tan equivocado... Quizais no seu subconsciente, aberto de par en par por efecto do alcol, aniñasen parte das explicacións ao retroceso dos dous grandes partidos, á desafección da cidadanía coa vella política, ao éxito dos movementos populares. Quizais Rubalcaba e Montoro só fosen no trasteiro do seu maxín a personificación dos erros que cometeron PSOE e PP nos últimos anos. Quizais. Porque xa saben, os borrachos, como os nenos, sempre din a verdade.

Comentarios