Opinión

Vostede, ¿quen quere que o xulgue?

VOSTEDE SOMETERÍASE a unha operación a vida ou morte se o cirurxián fose elixido por sorteo entre a poboación? ¿Vería lóxico que o presidente do Goberno fose designado repartindo rifas entre o censo? Estas dúas preguntas forman parte do argumentario clásico dos moitos detractores que teñen os xurados populares polo planeta adiante. Por suposto, tamén os hai en España, onde esta figura xurídica se reinstaurou en 1995, logo de ser suprimida ao comezo da Guerra Civil despois de máis dun século de tímidas experiencias xurdidas ao abeiro do pensamento liberal que inoculou a invasión napoleónica.

O que pretenden cuestionar os detractores é a "tiranía do azar" que identifican nestes tribunais, nos que once cidadáns de a pé -nove titulares e dous suplentes que carecen de coñecementos específicos en Dereito- deben decidir sobre a culpabilidade ou inocencia dos seus próximos. Os partidarios desta fórmula que en Estados Unidos ten fonda tradición tamén lanzan as súas propias preguntas. ¿Acaso non é bo democratizar a Xustiza? ¿Facer que, dalgunha maneira e aínda que sexa en casos puntuais, emane do pobo? ¿Posibilitar que os cidadáns se sintan partícipes dun mundo que normalmente ven alleo, oculto entre unha neboeira de indescifrables termos?

Os detractores dos tribunais cidadáns critican a súa influenciabilidade e os partidarios defenden que achega a Xustiza ao pobo

O debate vén de lonxe e en Galicia aterrou con forza nos últimos meses a raíz do caso Asunta, cuxo xuízo, que debería arrincar este próximo martes, houbo de posporse ata setembro polas dificultades para conformar o xurado por mor das recusacións e as habituais escusas dos preseleccionados. E é que en xeral un 15% dos elixidos para seren parte dun tribunal tratan de escabulirse, e iso xa dá unha idea de que quizais aos cidadáns non lles apetece moito ter o futuro dunha persoa nas súas mans. Máis alá diso, o avogado da nai da nena asasinada sostén que a repercusión mediática do crime e o espallamento dos pormenores da instrución fan case imposible que haxa persoas no país que non teñan unha idea preconcibida sobre o caso. Cuestiona, así, a imparcialidade dun tribunal aínda sen constituír ante un crime que, certamente, esperta repulsión. E teme por iso que a súa defendida, Rosario Porto, xa fose xulgada de antemán.

Quizais só forme parte da súa estratexia de crear dúbidas razoables de cara ao xuízo, pero a súa reflexión entronca cunha das críticas habituais aos xurados populares: a influenciabilidade dos seus membros. Algo que, por certo, teñen moi en conta acusacións e defensas. E non só á hora de deseñar as súas tácticas para o xuízo. O propio José Luis Gutiérrez Aranguren conta cun psicólogo que o asesora nos interrogatorios que realiza aos candidatos elixidos para xulgar aos seus clientes co fin de determinar a cales deles -os menos favorables aos seus intereses, evidentemente- recusará.

Hai un mantra que se repite no mundiño xurídico e se refire precisamente á cuestión da permeabilidade: "Se es culpable, que te xulgue un xurado; se es inocente, que o faga un xuíz". Vén a dicir que a falibilidade dos cidadáns é maior que a dos xuíces profesionais porque os primeiros son máis influenciables. O certo é que hai estudos que determinan que, por exemplo, as mulleres se amosan máis sensibles cando teñen que xulgar unha violación. Prodúcese unha identificación coa vítima que, en teoría, podería condicionar o seu veredicto.

O xuíz, en tanto que é persoa, tamén resulta influenciable. Se se confía en que o maxistrado deixe a un lado os prexuízos, tamén se debería confiar en que os cidadáns o fagan

SEN PIEDADE. Cabe preguntarse entón ata que punto inflúen os prexuízos no criterio do xulgador. O dilema plasmouno mellor que ninguén o cineasta Sidney Lumet na xenial ‘Doce homes sen piedade’, sobre o guión de Reginald Rose. O acusado, un mozo negro ao que se lle atribúe o asasinato do pai, sofre os receos da maioría do xurado, sobre o que pesan cuestións raciais, de clase e, incluso, o mundano desexo de acabar canto antes para poder ver un decisivo partido de béisbol."Onde queira que se atope o prexuízo, sempre anubra a verdade", proclama o arquitecto interpretado por Henry Fonda que comeza a remover as conciencias do resto dos xurados. A frase comparte a esencia do que dixera Einstein anos antes: "¡Triste época a nosa! ¡É máis fácil desintegrar un átomo que un prexuízo!".

Pero como as arestas do debate son infinitas, á cuestión da imparcialidade tamén se lle pode dar a volta e servir de argumento para os defensores dos xurados. E é que o xuíz profesional, en tanto que é persoa, tamén resulta influenciable. De tal xeito, se se confía en que o maxistrado deixe a un lado os prexuízos, tamén se debería confiar en que os cidadáns leigos o fagan, sosteñen.

O QUE DIN OS DATOS. E as estatítisticas, ¿referendan unha ou outra posición? Os informes do Poder Xudicial revelan que os tribunais populares ditaminan máis veredictos condenatorios que os xuíces, arredor dun 89% os primeiros e menos dun 85% os segundos. Tamén o Supremo revoga máis decisións dos xurados -unha de cada tres de forma parcial ou total entre os recursos que admite-, cando no conxunto das sentenzas ditadas en España a anulación rolda o 4%.

O que si é certo é que os erros xudiciais dos tribunais cidadáns sempre resoan con máis forza, contribuíndo á súa mala fama

¿Quere dicir isto que os procesos con xurado son menos fiables? Non necesariamente, porque os asuntos que estes poden xulgar son moi concretos -asasinatos, homicidios, delitos económicos...- e, polo tanto, as súas particularidades dificultan a comparativa. O que si é certo é que os erros xudiciais dos tribunais cidadáns sempre resoan con máis forza, contribuíndo á súa mala fama. Particularmente soado foi o caso de Dolores Vázquez, a galega declarada culpable por un xurado do asasinato de Rocío Wanninkhof e absolta anos despois, ou o de Jacobo Piñeiro, a quen un tribunal popular exculpara de dar 57 puñadas a unha parella de homosexuais en Vigo ao entender que fora en defensa propia. Ese xuízo foi anulado e finalmente o autor confeso acabou sendo condenado. "Pero os xuíces tamén se equivocan; non só os xurados", recordan algúns xuristas.

O caso Wanninkhof garda similitudes co de Asunta no referido á súa repercusión. Son estes procesos mediatizados os que piden que non sexan xulgados por tribunais populares aqueles que escollen o carril do medio, entre defensores e detractores, e apostan pola crítica construtiva. Se a lei xa se encarga de que asuntos especialmente sensibles, como os de terrorismo, non poidan ser xulgados por cidadáns por se a dor lles perturba a razón, ¿por que non se ía impedir tamén que decidan sobre o macabro asasinato dunha nena a cargo dos seus pais? ¿Non xera acaso unha aversión parecida á que produce a morte a balazos dun garda civil a mans dun comando de Eta?

Ao final probablemente todo se resuma nunha cuestión de confianza no ser humano, na súa capacidade para tomar decisións trascendentes. Quen non crea nas persoas, dificilmente defenderá os xurados; quen si o faga, probablemente non os cuestione. Hai quen propón, xa que o sistema presume de garantista, que se lle inquira ao propio acusado polas súas preferencias: "E vostede, ¿quen quere que o xulgue?". Ignoramos se isto resolvería ou acendería máis o debate, pero o que está claro é que a mellor solución, sen dúbida, é non ter que verse nunca sentado no banquiño.

Comentarios